Conexión Pingüín é unha peza que fala da incomunicación entre os seres humanos, un mal que fai estragos todo os días e a todas horas. Estamos na súper era tecnolóxica, da conexión inmediata, da telecomunicación, mais nunca estivemos tan lonxe entre as persoas.
Unha reflexión cómica sobre a incomunicación na era da comunicación, nunha posta en escena que mestura neve polar, móbiles de última xeración, pingüíns no horizonte e sobre todo moito humor. Por un lado, os dous protagonistas trasladarán ao público ao ano 1923, cando tivo lugar unha famosa expedición con rumbo ao Polo Sur. Por outro lado, unha conferencia formal que, case un século despois, rememora e actualiza aquela fazaña antártica. O público descubrirá a faceta máis cómica de Marcos Orsi e de Luís Iglesia, un dos actores máis recoñecidos do panorama galego actual.
A obra, que terá lugar ás 20:30 horas, conta co apoio da AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) a través das súas axudas á creación escénica. As entradas estarán na taquilla do auditorio a partir das 19:30 horas, o prezo é de 4 euros .
Sobre os protagonistas
Luís Iglesia é un dos máis populares actores de teatro e TV de Galicia e a nivel estatal, ten participado en series e películas como El Cid, A Estiba, Matalobos, Serramoura, Pazo de Familia ou El Ministerio del Tiempo.
Marcos Orsi, director ademais de actor en Conexión Pingüín, é outro dos máis destacados actores e directores de teatro de Galicia cun Premio María Casares e participación en traballos escénicos como Commedia, A Cabeza do Dragón e series como A Estiba, Serramoura ou Matalobos.
A obra está escrita por José Prieto, quen conta cunha destacada traxectoria adornada por varios Premios Max, varios María Casares e varios Premios de Dramaturxia de Galicia.
A produción e posta en marcha do proxecto corre a cargo de Culturactiva Producións, o departamento de produción escénica da cooperativa de xestión cultural do mesmo nome que en 2020 celebrou o seu vixésimo aniversario.