O 12 de novembro as xornadas recalarán en Burela coas redeiras Cabo Burela, colectivo que mantén vivo este tradicional oficio, e a visita ao Barco Museo Reina del Carmen, antigo boniteiro que o Concello recuperou para convertelo nun espazo de recuperación da cultura mariñeira e de atracción turística no porto máis importante de España na pesca e comercialización do bonito. O día 13 a iniciativa chegará a Cervo coa visita ao estaleiro de carpintería de ribeira de Francisco Fra, con mais de 200 anos de historia, e ao Museo Provincial do Mar. As xornadas rematarán o 14 de novembro en Foz coa visita ao artesá e artista plástico Daniel Caxigueiro, ao seu espectacular xardín botánico e cun percorrido pola Basílica de San Martiño de Mondoñedo. As visitas correrán a cargo de Noela Feal, que é guía oficial de Galicia e artesá.
Desde a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense sinalan que “queda algunha praza libre para a xornada por Burela. Para Cervo e Foz están completas as prazas ofertadas, con lista de agarda aberta”. As actividades son gratuítas. Para participar é preciso reservar en turismo@amarinalucense.gal ou no teléfono 636.737.608.
O presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, lembrou que “o obxectivo destas Xornadas de Portas Abertas é que os profesionais do territorio e en contacto co turista poidan coñecer de primeira man esta iniciativa para logo recomendala aos visitantes e que as axencias decidan incluíla entre a súa oferta turística e debido ao seu poder didáctico os profesores e profesoras dos centros educativos poidan coñecer esta iniciativa para ofertala ao alumnado en saídas e excursións”.
As III Xornadas de Portas Abertas das Rutas de Artesanía, que están organizadas pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense baixo o convenio asinado coa Axencia de Turismo de Galicia e co apoio da Deputación para a súa promoción, arrincaron o pasado 29 de outubro en A Pontenova, seguiron o 30 en Mondoñedo e o 31 en Viveiro.