Vega considera “conveniente” que o 061 estea integrado no centro de saúde para reducir os tempos no caso da necesidade de trasladar algún paciente ao Hospital da Mariña. O popular explica que “nestes momentos o 061 está afastadísimo do centro de saúde e con pouco espazo para os traballadores”.
É por iso polo que o Grupo Municipal Popular lle esixe ao goberno local do BNG aportar uns terreos “céntricos” que faciliten o acceso para os veciños da vila, pero tamén “próximos á autovía” para comunicar rapidamente co centro hospitalario sen as dificultades do tráfico no centro da vila.
O popular explica que “o que queremos é mellorar os servizos sanitarios de Ribadeo”. Nese sentido, non entende “a actuación do goberno do BNG que, á primeira de cambio, xa pon problemas cando o que debería facer é traballar, xestionar e investir para o noso pobo”. Vega lamenta que “o BNG poña escusas” e que “a día de hoxe non hai unha parcela a disposición da Xunta para construír o novo centro de saúde”.
O Grupo Municipal Popular urxe ao goberno local do BNG a “actuar, a poñer a disposición da Xunta a parcela para a construción do centro de saúde que é o que queremos e o que queren todos os ribadenses”.