Site icon Crónica3.com A Mariña

Daniel Vega considera “ausente” ao goberno local que, “a punto de rematar o ano, aínda non presentou os orzamentos municipais para o 2022”

Ribadeo, 28 de novembro 2021. O voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega, lamenta que “o ano está a rematar e o goberno do BNG aínda non presentou o seu proxecto para os orzamentos municipais para o 2022, algo que demostra a falta de traballo do goberno local que só pensa nas fotos promocionais e en poñer paus nas rodas cando hai unha importante inversión da Xunta para Ribadeo”.

Vega considera que “o goberno do BNG está ausente; mentres que os doutros concellos da Mariña xa aprobaron as contas municipais para o 2022 e a Xunta de Galicia tamén vén de aprobalos contemplando unha inversión de 2,3 millóns de euros para Ribadeo que permitirán seguir actuando na mellora do casco histórico, o albergue de peregrinos ou o Camiño Norte ao seu paso polo municipio, por exemplo”.

En materia de política social, Vega di que “os orzamentos da Xunta permitirán incrementar o investimento no Servizo de Axuda no Fogar”. Tamén agarda investimentos para o hospital asilo e, na mesma liña, agarda que “todas as administracións o fagan”. Lembra Vega que “o noso Grupo Municipal defendeu dende sempre unha reforma integral do hospital asilo e a Xunta vai aportar un orzamento moi importante”.

No ámbito sanitario, o portavoz do Grupo Municipal Popular apunta “a construción dun novo centro de saúde na localidade para o que agarda que o goberno local do BNG aporte rapidamente uns terreos céntricos e próximos á autovía, que os hai”. Explica a vontade de “mellorar todas as instalacións e incorporar o servizo do 061 nas instalacións do novo centro de saúde. Por iso será preciso que teña boa conexión co autovía, para permitir conectar rapidamente co Hospital da Mariña”.

Vega engade que “apostamos por incrementar a carteira de servizos sanitarios en Ribadeo” e por iso considera “importantísimo” o novo centro de saúde.

“Fronte a un goberno que non traballa, que non está pensando nos ribadenses e que só pensa na foto e en enredar; o noso Grupo Municipal aposta pola xestión e polo traballo de tódolos días para mellorar Ribadeo”, conclúe.

Exit mobile version