Ribadeo, 23 de novembro de 2021. Deu comezo o primeiro taller de elaboración de queixo, que se desenvolve na escola Pedro Murias. Enmárcase no programa de actividades que desde o Concello lle propuxeron aos centros escolares de Ribadeo para o presente curso. Hoxe, martes, asisten preto de 50 nenas e nenos do colexio Gregorio Sanz de 1º de Primaria, divididos en grupos de 12. Xunto a eles estiveron a concelleira de Servizos Sociais e Obras, Mónica Freire, e o alcalde, Fernando Suárez.
O edil de Medio Rural, Marcos Villamil, contou que “esta xornada, que será a primeira dun total de tres, encádrase dentro do programa de actividades que desde o Concello propuxemos aos centros escolares ribadenses de cara a este curso lectivo 2021-2022. Así pois, e como parte das actuacións que levaremos a cabo durante este curso escolar, temos proxectados un total de 3 talleres de elaboración de queixo fresco que teñen lugar os días 23, 25 e 30 de novembro en horario de 10:00 a 14:00 horas con alumnas e alumnos de primaria do CEIP Gregorio Sanz, na aula de lácteos da Escola Pedro Murias”.
O concelleiro ribadense dixo que “desde a Área de Medio Rural sabemos que un dos eixos de futuro de Ribadeo pasa polo desenvolvemento sostible do sector agrario. Para isto é importante aproveitar todas as potencialidades que temos ao redor, potencialidades como as instalacións do Centro Pedro Murias. E o Concello de Ribadeo, como membro do Padroado da Fundación Escola Agrícola Pedro Murias, de Vilaframil, quere ser promotor de iniciativas innovadoras que promovan un rural vivo, para o cal é fundamental implicar ás novas xeracións”.
E engadiu: “desde o Concello queremos tamén trasladar o noso agradecemento a Axencia Galega de Calidade Agroalimentaria e en particular aos traballadores do Centro Pedro Murias, que colaboran no desenvolvemento destas actividades”.