Pérez explicou que “esta semana comezaron os traballos de mellora e renovación da sinalización comercial e turística da vila. A primeira fase xa está case completada, procedeuse ao arranxo e renovado, tanto das estrutura coma da información que contiñan os paneis de benvida, tarefas que supuxeron un importante traballo despois de preto de 15 anos sen seren tocados. Os dous elementos xa renovados sitúanse na entrada da rotonda de O Xardín e na entrada pola estación de autobuses. Esta fase rematará coa instalación doutro panel na entrada pola estrada de Vegadeo, preto da Casa das Algas”.
O xerente e portavoz de Acisa indicou que “a segunda fase comezará a semana que ven co arranxo e substitución das 5 marquesiñas situadas en diferentes puntos da vila e coa instalación de dúas novas, ampliando así os puntos de información turística e comercial permanentes. E a terceira fase contamos comezala o 22 de novembro, coa retirada de todas as sinais identificativas de Acisa, que polo paso do tempo puideron quedar desactualizadas ou colocadas en locais xa pechados ou que non son socios, para na seguinte semana colocar os novos, xa solo nos establecementos asociados. Agardamos que todos estes traballos estean rematados o 3 de decembro”.
E engadiu: “aproveitamos este comunicado publico para informar especialmente de este asunto, aínda que a empresa que se vai encargar disto irá acompañada de persoal de Acisa non está de mais informar publicamente que durante uns días retiraranse as identificacións de Acisa das fachadas e que nunha semana se repoñerán, cun novo formato, no mesmo lugar onde estaban as antigas nos locais asociados”.
Pola súa banda Carmen Cruzado dixo que “neste proxecto hai dúas liñas fundamentais de traballo. Por un lado, o cambio de formato na información turística, pasando do tradicional mapa e listado de socios a un sistema moito mais moderno, dixital coma é o QR-WEB, que nos permite así facilitar moita mais información aos visitantes en todos os ámbitos: establecementos asociados, oferta turística, cultural, …. tan so con coller o móbil e escánea o QR-WEB. E en segundo lugar, seguir promocionando Ribadeo como vila destacada no paso de Camiño de Santiago”.
Cruzado sinalou que “este proxecto está financiado con 17.000 euros concedidos polo Concello de Ribadeo, grazas á firma do convenio extraordinario hai unhas semanas. Para Acisa Ribadeo é un dos principais logros deste ano poder levar a cabo toda esta mellora na sinalización comercial e turística, xa que era unha demanda moi reiterada por parte dos nosos asociados e asociadas e unha necesidade imperante para mellorar a imaxe que queremos ofrecer a turistas e visitantes”.
Soletes na guía Repsol 2021
Acisa Ribadeo felicita ao restaurante A Cofradía de Rinlo e á cafetería Mareta, que veñen de obter o recoñecemento Solete na guía Repsol: “unha distinción que lles outorgan pola súa cociña honesta, prezos asequibles e ambiente que engancha. Estamos diante dunha mostra máis da excelencia hostaleira e gastronómica de Ribadeo”.