Site icon Crónica3.com A Mariña

Comeza a campaña de limpeza e sondaxe arqueolóxica do Castro das Engrobias de Foz

Foz, 11 de novembro de 2021. A Xunta de Galicia, en coordinación co Concello de Foz, vén de comezar unha intervención arqueolóxica de limpeza e sondaxe no Castro das Engrobias, tamén coñecido como Castro de Lelle. Os traballos servirán para conservar e manter este ben e facilitar a súa visita e divulgación ao gran público.

As sondaxes van permitir que se poida caracterizar cultural e temporalmente así como para facer unha revisión puntual do entorno inmediato do castro e comprobar así a posible existencia de minería antiga neste punto. As actuacións, para as que se prevén uns tres meses, inclúen unha prospección arqueolóxica tamén da área comprendida entre os núcleos de Ferreira Vella e O Vao, para determinar a posible existencia destes restos de minería antiga.

Realizarase o levantamento topográfico, fotografía aérea e ortofotografía xeoreferenciada. Promoverase, ademais, a súa divulgación ao gran público. Por iso, elaborarase un cartel informativo do castro de características similares aos xa colocados para sinalizar outros bens arqueolóxicos neste concello. O soporte, contido e localización do mesmo valorarase en coordinación co Concello de Foz e cos técnicos do Servizo de Arqueoloxía. Tamén se deseñará un percorrido para a visita do xacemento e levaranse a cabo visitas guiadas ao xacemento arqueolóxico, unha vez rematada a actuación, para dar a coñecer á comunidade local e a todo aquel que se queira achegar a actuación realizada e os valores propios do sitio.

Protocolo de limpeza e mantemento
Tamén se levará a cabo un protocolo de limpeza e mantemento periódico do xacemento arqueolóxico, que deberá establecer e definir con detalle as áreas de limpeza, as características dos traballos e os medios técnicos axeitados segundo as zonas, e as vías de saca dos restos de biomasa.

O Castro das Engrobias ou Castro de Lelle ten a consideración de ben catalogado. Trátase dun asentamento fortificado, formado por un recinto central delimitado por un parapeto na súa metade norte e por un terraplén na súa metade sur. O conxunto aparece rodeado por un foxo. A parte sur, moi alterada, está conformada por unha terraza con terraplén, froito tal vez de alteracións posteriores no sistema defensivo, probablemente ocasionadas polas labores agrícolas e plantacións forestais. Noutras zonas tamén se ven recheos que virían a colmatar os foxos nestes sectores.

Estas actuacións enmárcanse no compromisso da Xunta de Galicia por conservar, manter e divulgar o patrimonio cultural galego a través de distintas liñas de actuación. Neste sentido, o Goberno autonómico incrementará un 23% os seus orzamentos nesta área o ano próximo.

Exit mobile version