Site icon Crónica3.com A Mariña

Co musical infantil Coco e a Festa da Castaña comeza a programación cultural para este mes do Concello de Burela

Burela, 3 de novembro de 2021. A Concellería de Cultura presentou a programación para este mes de novembro, que arrinca este venres, día 5, co musical Coco para o que xa foron vendidas todas as entradas. O sábado celebrarase a sexta Festa da Castaña e o día 14 volverá Burela de Cine con proxeccións infantís, unha actividade que se recupera tras a pandemia do covid.

O concelleiro de Cultura, José Díaz, dixo que “por fin empezamos a programar máis cousas e xa con aforos case completos dentro do auditorio, o que esperábamos con moitas ganas porque durante todos estes meses foi complicado programar actividades culturais dentro do auditorio. A partir de agora parece que a situación nos vai permitir recuperar ese nivel cultural ao que chegáramos aquí despois do traballo de todos estes anos anteriores a 2019”.

O edil burelés contou que “o primeiro de todos estes espectáculos que van ter lugar en Burela é o musical de Coco, que vai ser este venres ás 19:00 horas. Está todo vendido dende fai xa uns días, as vendas foron moi boas. É un bo musical, a xente non vai saír defraudada. Como sempre apostamos por musicais de calidade que xa teñan o seu recorrido polo territorio nacional e este en concreto tivo cheos en moitos dos teatros onde se celebrou. Estou seguro de que todo ese público que vai encher o auditorio vai ser unha foto moi esperada co auditorio cheo de nenos desfrutando da cultura e a nivel persoal vai ser algo emotivo, que apetecía moito volver ver e recuperar”.

Díaz seguiu a relatar que “o sábado, 6 de novembro, a partir das sete da tarde, imos celebrar a sexta Festa da Castaña. O único ano que non se puido celebrar foi o ano pasado. Levamos facendo esta festa desde o ano 2015 e seguimos con elo porque é algo que gusta e atrae xente cun produto como a castaña tan destacado nesta tempada cando chega o inverno. Vai ser, como outros anos, coa colaboración de Asadores de Burela. Vanse repartir cucuruchos de castañas, bolos preñaos e bebida por 2 euros. Vai haber música durante o evento na praza da Mariña e a actuación musical, a partir das oito da tarde, de Dambara, que unha vez máis colabora con nós como en tantas ocasións en case todos os eventos culturais ou festivos que facemos, o cal agradecemos unha vez máis. Ademais, de cinco a oito da tarde, terá lugar un obradoiro de confección de zonchos e chapas para o que os interesados poden inscribirse na oficina de Medio Ambiente ou no 647 136 673”.

O concelleiro de Cultura anunciou que “o sábado 13 ás 20:30 horas imos ter unha obra de teatro moi interesante que é de La Quintana, chámase O premio. É unha obra que é case un reallity porque o público participa e vota aos actores vendo quen merece o premio da súa vida. É unha proposta distinta que dirixe Marian Bañobre, a quen xa tivemos no auditorio noutras ocasións. Aconsello a todos asistir a esta obra. O prezo da entrada é de 4 euros”.

José Díaz engadiu que “o domingo 14 a partir das 18:00 horas tamén recuperamos unha actividade que víñamos facendo ata a pandemia, que era Burela de Cine. Imos continuar coas proxeccións infantís que tiñan boa acollida. Parécenos algo interesante para eles para que desfruten do cine e é gratuíto. O domingo 21 ás sete e media, dentro do programa FalaRedes, teremos á compañía Teatro do Atlántico coa obra Libre como os paxaros para público adulto e tamén con entrada gratuíta. Finalmente, o último fin de semana de novembro, ás 20:30 horas, Culturactiva preséntanos Conexión Pingüín tamén para o público adulto con outra proposta teatral interesante, esperemos volver ter o máximo de xente posible no teatro polo que seguiremos apostando e seguiremos apoiando”.

Exit mobile version