Viveiro, 22 de novembro de 2021. O Concello de Viveiro clausurou as ‘V Xornadas de Historia e Arqueoloxía Marítima Cidade de Viveiro’, que se celebraron durante a semana pasada de forma online pola pandemia do coronavirus.
As xornadas, unha iniciativa para dar a coñecer unha parte moi importante da historia e o patrimonio subacuático a través de grandes expertos en arqueoloxía marítima, foron un gran éxito con máis de 260 participantes de 13 países.
No acto de clausura, o tenente de alcalde do Concello de Viveiro, Jesús Fernández, destacou “a nosa satisfacción polo éxito conseguido, tanto pola gran valía dos relatores e a calidade das súas charlas, como tamén pola innumerable participación nas mesmas”.
“Unha vez máis, cremos que estas xornadas, a pesar da súa breve traxectoria, xa se converteron nun referente nacional dentro da disciplina da historia e arqueoloxía subacuática”, engadiu.
“Noso sincero agradecemento a todos e a todas as relatoras polas súas magníficas intervencións e por participar de forma altruísta nestas xornadas”, apuntou Fernández, que agradeceu a “a axuda da FEDAS, a UNED, a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia”.
“Para min, como tenente de alcalde e concelleiro do Mar, e tamén en nome da alcaldesa, María Loureiro, é unha auténtica honra colaborar na organización deste evento. A partir da próxima semana, Antón López xa poñerá a maquinaría a funcionar para a organización da sexta edición”, rematou.