Site icon Crónica3.com A Mariña

CIG-Saúde considera insultantes os datos de participación na folga do 17N difundidos polo SERGAS

dav

Burela, 19 de novembro, 2021. A CIG-Saúde da Mariña cifra nun 80% a participación do persoal da sanidade da comarca na folga do mércores 17 e cualifica de insultante a cifra de participación difundida polo SERGAS. A central considera que os datos feitos públicos pola Consellaría están totalmente pervertidos e falseados, nada teñen que ver coa realidade e van contra a dignidade de todas e todos os traballadores da sanidade da comarca que o pasado mércores secundaron e participaron na folga xeral convocada na Mariña.

Neste senso, a CIG-Saúde denuncia unha vez máis que os servizos mínimos decretados polo SERGAS foron totalmente abusivos, ao decretar unha actividade superior a que se presta calquera domingo ou festivo. Os mínimos teñen que ser aqueles que garanten a atención urxente, pero nesta folga vimos como o SERGAS impuña mínimos a profesionais do hospital que traballan nas consultas externas, no servizo de rehabilitación, en hospital a domicilio, no hospital de día, nas áreas administrativas, así como en tódolos servizos que nun domingo ou festivo permanecen pechados.

E atopámonos con que  nas plantas, na cociña ou en urxencias hospitalarias todo o cadro de persoal estaba obrigado a traballar pola imposición do SERGAS. Do mesmo xeito, a administración decretaba servizos mínimos nos centros de saúde ata ás odontólogas, impedindo a participación da inmensa maioría das e dos profesionais na folga, co ánimo de dar unha imaxe falseada de contento e de satisfacción do persoal da sanidade da comarca.

Con todo isto e a pesar dos esforzos do SERGAS para que todo transcorrese con normalidade, moitas e moitos profesionais que non asinaran mínimos de tódalas categorías e tanto do hospital como dos centros de saúde, non acudiron a traballar e no hospital houbo que suspender actividades nas consultas, en hospital a domicilio, en fisioterapia e na área cirúrxica. Tamén fomos testemuñas de que a inmensa maioría de profesionais nomeados/as como servizos mínimos portaban no seu uniforme un adhesivo coa consigna ESTOU EN FOLGA mentres, nos centros de saúde, moitos dos profesionais obrigados a ir traballar só atendían urxencias.

Esta resposta do persoal contrasta cos datos de participación facilitados polo SERGAS que buscan rebaixar o seguimento da folga e dar imaxe de normalidade. Pero os traballadores e as traballadoras da sanidade da Mariña atópanse FARTOS e FARTAS do trato recibido polos seus dirixentes e o SERGAS, con esta actitude, só provoca o crecemento da súa FARTURA.

Por iso, CIG-Saúde reclámalle ao Goberno galego menos propaganda, menos apoios hipócritas ás reivindicacións da comarca e máis recursos e autonomía para garantir condicións de traballo dignas e unha sanidade pública universal e de proximidade para todos os mariñás e as mariñás. Mais para iso é preciso que se cumpra cunha das demandas desta folga comarcal: que a Mariña recupere a súa área sanitaria.

Exit mobile version