Site icon Crónica3.com A Mariña

Castiñeira: “Tomé incorre en covardía e falta de elegancia política ao presentar antes o proxecto de orzamento da Deputación ao Parlamento de Galicia que á corporación provincial”

Lugo, 04 de novembro de 2021. Atribúese ao escritor Lobo Antunes a afirmación de que, probablemente, a elegancia é a forma suprema da coraxe e a coraxe a forma suprema de elegancia. De ser así, o presidente da Deputación de Lugo, o socialista José Tomé, non pode ser encadrado entre aqueles que practican a elegancia política. Non tivo o valor nin a mínima cortesía política de presentar á corporación que preside o proxecto de orzamentos para o próximo exercicio económico, antes de facelo no Parlamento de Galicia. O portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, sinala: “ O grupo provincial do PP desprazouse hoxe a Santiago, concretamente á rúa do Hórreo, ao Parlamento de Galicia, para coñecer alí as grandes contas da Deputación para o ano 2022. Xa o dixemos no seu día: é algo inédito e totalmente irracional, un acto de covardía e unha demostración de falta de elegancia política do presidente da Deputación de Lugo, o socialista José Tomé, presentar antes os orzamentos provinciais no Parlamento, en Santiago, que á súa corporación en Lugo. É inaudito que os deputados autonómicos coñezan antes o proxecto de orzamentos para o 2022 que os propios deputados provinciais, alcaldes e concelleiros da provincia de Lugo”.

Castiñeira explica: “Nós cremos que a elegancia política dun presidente non se mide polo uso a diario de traxes e garabatas; mídese en actos como este, de deslealdade coa súa corporación, de deslealdade cos alcaldes e concelleiros da provincia, que teñen que coñecer as contas en Santiago sen pasar antes pola capital lucense. É algo lamentable, pero iso non vai coartar a nosa actividade; aínda que o presidente da Deputación queira silenciarnos, o PP quere participar e vai participar nestes orzamentos”.

O portavoz popular detalla que “no día de hoxe o PP usou a voz do deputado autonómico Daniel Vega, ribadense, para que, dentro dese debate, trasladara as propostas que fai o Partido Popular de Lugo”. As propostas populares resúmense en catro liñas moi concretas, que definen o seu traballo nos últimos anos. Son as seguintes, explicadas así por Castiñeira: “Aposta polas estradas da provincia, que son fundamentais; aposta pola cooperación cos concellos, mediante o incremento nun 25% do Plan Único; aposta polos polígonos industriais, especialmente no rural, do que é un exemplo claro o parque empresarial de Riotorto que, con moi pouco cartos, no 2022 podería dispoñer de instalacións industriais nun concello que as necesita; os fondos Next Generation, para o que o PP fixo a súa proposta para apoiar a Asociación de Jóvenes Empresarios, e de momento descoñecemos cal é a proposta do equipo de goberno”.

O portavoz popular sinala: “O 2022 é un ano importante, é o ano da recuperación. O procedemento no caso da presentación do orzamento da Deputación é anómalo e pediremos explicacións ao presidente. O PP vai seguir facendo o seu traballo, con lealdade e de compromiso coa institución, presentado propostas, nesta ocasión, hoxe, no Parlamento de Galicia, por medio dos deputados do PP”.

Exit mobile version