Foz, 10 de novembro de 2021. As fuxidas cara adiante dan resultado algunha vez, pero non cando son sistematicamente utilizadas para intentar saír dos trollos nos que se mete un mesmo. O alcalde de Foz, o socialista Fran Cajoto, vai de erro en erro e só se lle ocorre fuxir cada adiante para escapar deles. Acaba de facelo de novo ao anunciar que sacará a oferta pública unha praza de policía local, cando xa está pechada a convocatoria da Xunta e non aparece a de Foz. O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala: “Dende o PP de Foz entendemos o nerviosismo do alcalde, especialmente cando o PP lle preguntou no pleno por que non sacou a praza de policía local que hai vacante despois de prometelo no mes de xullo; preguntámolo porque sabiamos a ciencia certa que non a solicitara, porque xa saíra a convocatoria da Xunta de Galicia, na que o Concello ten delegado, por propia petición do alcalde, a selección, o 22 de outubro e non saíra Foz. Saíron 29 prazas entre as que non está a da Policía Local de Foz”.
Castiñeira explica: “Ante esa situación, o que queriamos escoitar era a explicación de por que non se solicitou; se foi un caso de esquecemento ou se debeu a falta de organización ou é atribuíble a cuestións económicas. Cajoto non quixo contestar”.
Para o portavoz popular, “o grave é a fuxida cara adiante, a mentira”. Sinala: “É grave que no día de onte, dúas semanas despois de que saíra a convocatoria da Xunta e non aparecera Foz, que o alcalde prometa que vai saír a oferta dunha praza de policía local, cando sabe perfectamente que non vai poder sacala, porque a convocatoria xa está e Foz non figura nesa listaxe, polos motivos que o alcalde non nos quixo dicir e non vai poder facelo na convocatoria deste ano 21-22 e terá que ser para a seguinte”.
Castiñeira di: “Cajoto non pode falar de oferta pública, porque ten delegadas esas competencias na Xunta e non vai poder cumprilo. É unha fuxida cara adiante das moitas do señor Cajoto, intentando culpar aos demais de todos os males que el mesmo ten por falla de organización e comunicación, por falla de equipo ou por falla de confianza no seu equipo que, posiblemente, sexa este o motivo”.