O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou esta mañá nun encontro con empresarios no que se analizaron casos de empresas da contorna que apostaron pola innovación para medrar e rendibilizar os seus negocios. En concreto, realizaron as presentacións representantes das firmas mariñás Laminados Villapol e Pescados Rubén, así como da viguesa Star Electrónica.
Arias explicou que o obxectivo desta campaña é impulsar ás pemes e microempresas galegas a investir en innovación, principalmente ás situadas en núcleos non urbanos, demostrando que é unha fórmula válida de crecemento que se pode aplicar a calquera sector e empresa. Para elo, percorrerá 18 concellos rurais galegos, seleccionados en función do carácter rural da comarca e a partir dun estudo estratéxico en base ao seu músculo industrial.
Cervo é a súa segunda parada logo de que comezara a súa andaina o pasado día 5 en Vilalba. Na provincia de Lugo visitará tamén Monforte de Lemos, o 30 de novembro; Chantada, o 1 de decembro, e Meira, o 9 de decembro. Tanto a participación no encontro como o asesoramento require inscrición previa a través da páxina web de Gain.
Esta iniciativa inscríbese no Programa de Impulso á Innovación nas Pemes posto en marcha pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, dotado con 12M€ para axudar ás pemes e microempresas galegas a investir en innovación. A través das distintas actuacións, tratarase de promover que as empresas inicien a senda da competitividade baseada no coñecemento e, principalmente, tratarase de dinamizar aos tecidos empresariais dos municipios rurais.