Site icon Crónica3.com A Mariña

Cajoto valora de forma positiva o anuncio de ampliación do centro de saúde de Foz, pero pide que se dote de médicos ante as “inadmisibles listas de agarda”

Foz, 4 de novembro de 2021. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, valora de forma positiva o anuncio de ampliación do centro de saúde, pero pide que se dote de médicos, ante as listas de agarda inadmisibles.
“O centro de saúde de Foz é evidente que necesita unha reforma. O espazo é reducido: para facer as probas PCR ou antíxenos o Concello instalou unha carpa na entrada sufragada con fondos municipais. Se non fose así os sanitarios terían que facer o seu traballo á intemperie”, indica Fran Cajoto.

O rexedor municipal explica: “nunha reunión no propio centro de saúde co Coordinador dos Servizos Técnicos da Área Sanitaria de Lugo, a comezos do mes de febreiro, tratamos a necesidade de ampliar o centro, especialmente para a reubicación da base do 061, que está nunhas condicións máis que precarias. O que trasladamos é que a parcela que está entre O Cantel e o propio centro de saúde, cualificada como dotacional sanitaria, era idónea para a ampliación. Solicitamos tamén ao Sergas que na propia parcela se dispoña un estacionamento en condicións para os usuarios do centro de saúde, de forma que o acceso sexa cómodo, xa que moitas das persoas que acoden teñen reducida a súa mobilidade. Agardamos que a ampliación do centro de saúde non se converta nunha nova depuradora, que todos os anos se orzamenta e nunca se executa”.

Cajoto engade que “sen embargo, a preocupación dos veciños non é polo edificio en si senón pola propia atención sanitaria. Estamos vendo como se están prolongando as listas de agarda. A atención telefónica non se pode tolerar porque é imposible facer unha diagnose sen auscultar como corresponde ao paciente. Estamos a falar dunha cuestión moi seria: a saúde das persoas. Ao Concello chégannos multitude de queixas ao respecto e hai un malestar moi profundo, estannos obrigando a acudir un día si e outro tamén á sanidade privada. Pedimos profesionais, pedimos atención presencial e non só edificios baleiros”.

Neste sentido o alcalde de Foz anuncia o apoio ás reivindicacións da Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia e á manifestación convocada para o 14 de novembro en Santiago co lema Salvemos a atención primaria porque “a atención primaria estase deteriorando a pasos axigantados”.

Exit mobile version