Site icon Crónica3.com A Mariña

Cadernos da viaxe. “O soberanismo galego”, por Xoán Antón Pérez Lema

Os conceptos son equívocos. Mesmo ás veces só poden facer dano, como cantou Depeche Mode (Enjoy the silence, 1990). Dende o ámbito do galeguismo político, ao longo dos seus 170 anos de percorrido, formuláronse propostas autonomistas, federalistas, confederalistas ou indepe-arredistas. Mais sempre dende a consideración do dereito de Galicia a decidirmos o noso futuro.

Cómpre distinguirmots entre a orixe e o destino. A orixe é, para os que cren que Galicia é unha parte de España sen dereito ningún adicional, a soberanía única que este día defenderon no Parlamento de Galicia o PSdeG de Gonzalo Caballero e o PPdeG de Núñez Feijóo, de xeito que unha reforma do marco xurídico-político podería suprimir o limitado autogoberno galego e restaurar o centralismo no que acreditan as forzas políticas españolas.

Mais a orixe, para os soberanistas, é o recoñecemento de Galicia como nación, como suxeito xurídico-político coa plena capacidade de decidir o seu futuro. E aquí é onde se entende o debate congresual do BNG de hai poucos días. No debate sobre o destino da capacidade de orixe, do dereito a decidir, que sempre defendeu o BNG (e o PG da República e transición, o PNG-PG, UG ou o PSG-EG ) a respecto das fórmulas concretas do exercicio dese dereito, que abanearon entre o federalismo asimétrico en 1931 e a autonomía estatutaria de 1936 até as Bases Constitucionais de 1977-1978 e o autononisno doutros de 1980-1981.

Se recoñecemos o dereito a decidir de Galicia non temos por que escoller á forza unha independencia que neste momento histórico non sería entendida pola maioría cidadá. Porque o soberanismo, o dereito a decidir, constitúe a orixe: somos unha Nación e temos dereito a decidirmos o noso futuro. E o destino é a fórmula concreta desa nosa decisión: federalismo, autonomía, cosoberanía plurinacional ou independencia.

O soberanismo xoga nunha liga distinta ao autonomismo, federalismo ou independentismo., porque representa á orixe e a permanencia, non a continxencia e a estratexia. Logo xoga baixo outras regras.
Velaí porque o BNG resolveu ben o seu debate, na liña da maioria social. Malia que paire aínda a nula sensibilidade española para ofrecermos un status diferente no seu contexto plurinacional. Un status diferente que merecemos como titulares do noso dereito a decidir e precisamos para garantir o noso benestar social e económico, imposíbel dende alicerces dun Estado español para o que as bases produtivas galegas non son importantes e mesmos son prescindíbeis.

Exit mobile version