Nuns días chegará a alta velocidade ferroviaria dende Madrid até Ourense e, nuns meses máis, até Compostela e Á Coruña. Isto xerará novas oportunidades de negocio para as actividades turísticas galegas, malia que a falla de encaixe do transporte de mercadorías no esquema do AVE limitará substancialmente as súas vantaxes a respecto doutras actividades económicas do País que, por outra banda, tenderá a se debruzar máis cara a complementariedade (turismo e lecer) co hub madrileño (tamén furado negro que baleirou a Meseta toda), que é o grande beneficiario dun AVE radial que quita recursos para outros eixos ferroviarios máis importantes para Galicia, como o corredor atlántico que leve as nosas mercadorías cara Europa ou a propia conexión de pasaxeiros e mercadorías con Porto e Lisboa, que reivindica o Goberno portugués como prioritaria a respecto da conexión Lisboa-Madrid.
Porque, como ven de explicar moi a xeito Antón Baamonde (“Unha nova Olanda. De Ferrol ao Porto: as cidades galegas e o norte de Portugal no escenario global”,2021) Portugal rexeita construir as súas infraestruturas a medio dun esquema radial con centro en Madrid e iso constitúe unha grande oportunidade de futuro para Galicia. O Eixo Atlántico ferroviario A Coruña-Compostela-Vigo-Porto vertebraría unha eurorexión de 6,5 millóns de habitantes, cun sistema portuario integrado co corredor ferroviario europeo atlántico de mercadorías que, xa que logo, podería competir na liga internacional do transporte marítimo, tendo en conta a nosa privilexiada posición xeográfica entre a Canle de Panamá e os portos do litoral atlántico europeo e do Mar do Norte. Un eixo atlántico que, polo seu carácter de integración europea interestatal, podería contar con abondos recursos da Unión Europea.
Galicia non é un país pobre nin despoboado, malia ter problemas de despoboamento e desequilibrio demográfico no interior do País. Na Galicia atlántica vive xa o 70% da poboación galega e, como escribiu hai poucos meses o economista Xan López Facal, o percorrido urbano entre Ferrol e Sétubal constitúe un espazo fulcral da actividade económica e poboamento humano, quer no nível ibérico, quer no nível tamén europeo.
Semella chocante, pois, a baixa presenza na axenda galega deste debate, tanto a respecto da nosa integración na Eurorexión como da conexión das nosas cidades e portos con Portugal e Europa, agás excepcións como as dos autores sinalados ou iniciativas como a empresarial da Rede Mundo Atlántico que empresarios galegos e portugueses fundaron hai poucos meses.
Arestora na beira portuguesa temos políticos tan a prol desta tarefa como o primeiro ministro portugués Antònio Costa ou o alcalde portuense, Rui Moreira, promotor da Iberolux. Velaí que a oportunidade sexa única. Non haberá xa moitas máis.