Site icon Crónica3.com A Mariña

Cadernos da viaxe. “ALCOA: nin saben nin queren”, por Xoán Antón Pérez Lema

Resultou ben rechamante a participación na demostración cidadá d’As Mariñas do sx “in pectore” do PSdeG, Valentín G. Formoso e maís do sx do PPdeG, Miguel Tellado, que son problema e non solución. Ano e medio de inacción, idas e voltas da ministra española e do vicepresidente galego evitando as solucións que ofreceron na primavera de 2020: a merca a baixo prxo ou expropiación por parte do grupo industrial público estatal, a SEPI (coa participación que cumprise do Goberno galego) da factoría de aluminio de ALCOA en San Cibrán, factoría estratéxica ao 100%, pois que precisamos producir aluminio primario na Galicia e mesmo na Europa, para fornecer as necesidades da nosa construción, automoción, produción de teléfonos móbiles e computadoras de mán, industria farmacéutica, cervexeira e alimentaria. O prezo do aluminio primario medrou desque comezou a pandemia un 54%. Alguén pode negar esta industria como estratéxica?

Se é estratéxica esta industria, a Xunta e o Goberno do Estado poderán intervir a factoria exercendo cadansúas competencias, consonte co Dereito europeo e mesmo podería funcionar ben de anos unha empresa pública, quer estatal, quer galega, quer mixta, que desenvolvera esta actividade empresarial estratéxica. O Estatuto de Galicia, a Constitución e o Dereito Europeo regulan esta opción como posíbel, como ben estudou e desenvolveu o profesor de Dereito Administrativo da UDC, Carlos Aymerich, na primavera de 2020. Mesmo abondaría cun Decreto-Lei estatal expropiatorio, tendo en conta a urxencia da mesma. O xusto prezo sería moi baixo, de certo, ben lles consta aos xefes de ALCOA.

Mais ALCOA é evidente que non quere vender, porque non quere competencia nun mercado internacional que quere aínda máis restrinxido. E está a se aproveitar da falla de ideas e capacidades negociadoras destes dous Gobernos, español e galego, que amosan non ser quen a desenvolver, non xa políticas industriais, senón mesmo accións illadas en defensa dun campión empresarial.

Cómpre, porén, lembrar o que hai 16-17 meses lembraba o xornalista galego José Luis Gómez: i) ALCOA adebeda máis de 40M€ polo incumprimento das subvencións recibidas, moito máis evidente logo de que foi defintiva a sentenza do TSXG que acordou a nulidade do ERE laboral de 2020, ii) xestiona en exclusiva un porto e unha estrada que serven á súa moi rendíbel e estratéxica produción de alúmina e iii) ten unha moi grande responsabilidade na balsa de refugallos ambientais de máis de 87 ha. xerada pola súa actuación industrial.

Xa que logo, ferramentas para negociarmos con ALCOA abondan . Mais a Xunta e o Goberno do Estado nin saben, nin valen, nin queren.

Exit mobile version