Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela protagonista en Xantar este venres no Día do Mar e con degustación de bonito

Burela, 4 de novembro, 2021. O Concello de Burela está presente desde onte en Xantar, en Ourense, onde mañá Alfredo Llano intervirá nun acto nese evento no que realizará unha defensa do sector náutico pesqueiro “para que se valore e se defenda en condicións”. En Xantar, mañá venres, terá lugar tamén unha degustación de bonito.

O rexedor dixo que “acudiremos este ano como víñamos facendo sempre á feira Xantar, en Expourense. Mañá temos un acto oficial organizado pola dirección do evento, onde faremos unha intervención para poñer en valor todo aquilo que nos parece interesante en cuestións gastronómicas. Nosoutros imos levar produtos do mar”.

Alfredo Llano subliñou que “o que queremos, a través desta feira, é facer unha demostración, con diversas receitas, de como se prepara o peixe. Tamén queremos facer unha defensa total do sector náutico pesqueiro. Cremos que agora mesmo debemos estar aí todos empuxando para que este sector no noso concello, na Mariña e en Galicia sexa valorado e realmente defendido. Penso que actualmente hai unha certa crise e polo tanto debemos traballar todos para fortalecer e garantir esta actividade dunha forma constante, porque creo que somos un exemplo claro de como se pesca, de que a sostibilidade é unha constante nos nosos pescadores, de que respectamos a especie, o transporte e a calidade, e iso hai que valoralo e telo moi en conta”.

O alcalde burelés indicou que “en Burela se están subastando máis de cen especies diarias. É certo que somos moi recoñecidos pola pescada e polo bonito do norte, mañá faremos unha degustación deste túnido, pero realmente o que importa é manter a actividade polas cuestións socioeconómicas e culturais que se deriva disto. Así que, por un lado, faremos promoción do noso concello en todos os ámbitos, no gastronómico tamén, pero sobre todo faremos defensa do noso sector náutico pesqueiro, que penso que hai que telo en conta para todo. Será unha das nosas intervencións. Ademais faremos unha degustación e queremos colaborar nesa diversidade alimentaria que se vai ver nesta feira e que todo o mundo saiba o que se pode ofrecer en Galicia, sobre todo na comarca da Mariña e tamén en Burela concretamente”.

Exit mobile version