A execución dos traballos será financiada integramente polo Goberno galego, a través de Augas de Galicia, e contará co cofinanciamento da Unión Europea mediante o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) nun 80%, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.
A Xunta, a través de Augas de Galicia, redactou o correspondente proxecto para definir as actuacións necesarias para resolver as deficiencias no funcionamento do sistema de saneamento de Foz, que actualmente non ten capacidade para acadar os obxectivos de vertido de calidade na auga tratada, principalmente en época estival, período no que a poboación aumenta significativamente.
A intervención prevista inclúe a execución dunha nova estación depuradora de augas residuais, tanque de tormentas, a ampliación de bombeos (de Llas 1 e Llas 2) e colectores, así como a demolición da antiga depuradora.
De xeito máis detallado, en canto á nova depuradora, o bombeo de cabeceira realizarase na avenida de Viveiro, onde chega o colector por gravidade que conduce a auga residual desde o tanque de tormentas e o bombeo de Llas. A impulsión chegará ata o punto alto da parcela, polo que non serán necesarios bombeos intermedios.
A depuradora terá unha capacidade para 22.342 habitantes e un caudal máximo de 700,4 m³/h, con 2 liñas de desbaste, desareado-desengrasado, tratamento biolóxico por ultravioleta e liña de lodos.
Unha vez rematada a construción desta nova depuradora, así como á constatación do seu correcto funcionamento, procederase á demolición da depuradora existente.
En canto ao tanque de tormentas, situado no punto baixo da conca principal, xunto á antiga depuradora de Foz, terá unha capacidade de 1.000 m³ e contará con 3 bombas centrífugas somerxibles, medición de caudal, sistema de alarmas e funcionamento autónomo con envío de datos.
Nos bombeos da zona de Llas proxéctase a ampliación do caudal e da capacidade, dotándoos de medición de caudal, sistema de alarmas e funcionamento autónomo con envío de datos e asignación de consignas desde a depuradora.
A rede de colectores por gravidade que leva a auga residual á depuradora actual e aos bombeos existentes manteranse, pero para facer chegar a auga á nova depuradora complementarase a rede con distintos tramos de impulsión.
Así, acometeranse impulsións desde o tanque de tormentas ou os bombeos de Llas, tamén desde o bombeo da avenida de Viveiro á depuradora, así como colectores por gravidade na avenida de Viveiro, en Llas e desde a depuradora ao medio receptor.
A Xunta continúa prestando apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan exercer de xeito eficiente as súas responsabilidades de saneamento e abastecemento.