A resposta ás necesidades de espazo de Aspanane pasa polo traslado da escola a outra ubicación, deixando así á entidade o uso exclusivo do edificio que ambos comparten na rúa Lavandeiras. A sede elixida era o antigo colexio de Celeiro, pero as esixencias económicas da Tesourería Xeral da Seguridade Social (TXSS) frean a iniciativa dende hai meses.
O organismo estatal propuxo ao Concello de Viveiro a adquisición do inmoble mediante o procedemento de alleamento por adxudicación directa e fixou un prezo de 770.000 euros, o que “é un grave obstáculo” para que prospere a operación. Arias solicitará ao Goberno central que valore outras alternativas, como a cesión de uso gratuíta.
O delegado lembra que a reforma do antigo colexio de Celeiro terá un custo de máis de medio millón de euros -525.500 euros, segundo a estimación realizada-, que acordaron asumir a partes iguais a Xunta de Galicia, o Concello e a Deputación.
Confía en que se poida chegar a unha solución que posibilite que tanto a Escola de Idiomas como Aspanane conten con instalacións independentes, máis modernas e eficientes, que lles permitirían ampliar o número de usuarios e dispoñer de mellores dotacións en beneficio dos veciños e veciñas de Viveiro e da comarca da Mariña en xeral.