Ribadeo, 12 de novembro de 2021. A Asociación de Profesores de Automoción de Galicia organiza en Ribadeo varios cursos para a construción atendendo á demanda laboral das empresas do sector. O presidente, Álvaro Doural, subliñou que serán cursos prácticos de 16 horas de duración cada un e estarán centrados en preparación de masas, na colocación de ladrillos, de alicatados e de solos de cerámica. O prazo de inscrición está aberto ata o 26 de novembro.
Doural explicou que “este é un novo proxecto, dando resposta ás necesidades que ten este sector produtivo. Son cursos de pouca duración pero moi especializados, que se desenvolverán en catro fins de semana, cunha duración de 16 horas cada un. Comprenderán cuestións básicas pero que son fundamentais, como preparación de masas, colocación de ladrillo, solado e alicatado”.
O presidente de Apaga dixo que “son cursos eminentemente prácticos, para responder ás necesidades que neste momento ten o sector de man de obra para poder continuar coas súas actividades. Nós temos contacto cunha serie de empresas que practicamente están esperando por xente e polo tanto os que fagan o curso con aproveitamento van ter un posto de traballo sen maiores problemas. Isto é algo que ten que animar á xente”.
E engadiu que “máis adiante procuraremos facer outro tipo de cursos máis especializados, sobre outro temas. Pero dependerá moito de cómo funcionen estes”.