Ribadeo, 23 de novembro, 2021. O pasado venres 19 de novembro, parte do alumnado do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, acompañado pola profesora Susi Besteiro, tivo a oportunidade de participar nuha Xeoruta financiada polo Concello de Ribadeo para coñecer un pouco mellor a costa ribadense. Francico Canosa, doutor en xeoloxía, pioneiro das xeorutas e gran divulgador, foi guiando e amosándolle ao grupo un bó número de puntos de interese xeolóxico.
O percorrido comezou na Praia das Catedrais, observando en primeiro lugar as cuarcitas e lousas de 500 millóns de anos sometidos a erosión diferencial e cunha intensa fracturación que indudablemente condiciona a morfoloxía costeira. A continuación foron descubrindo as catro fases de evolución do cantil ata chegar á formación dos arcos (cova, túnel rochoso, ollo e arco) e ademais de observar outras estruturas xeolóxicas tamén houbo tempo para reflexionar sobre os perigos do turismo masivo e sobre a necesidade de controlar os accesos á praia e á parte alta do cantil por ser a zona máis vulnerable do mesmo.
Finalmente, remataron a mañá en Piñeira para comprobar como as forzas internas terrestres deformaron os materiais ata formar uns chamativos pregues en M e faias de rumbo dextrais. O IES Ribadeo Dionisio Gamallo, agradécelle ó Concello de Ribadeo e a Fran Canosa a súa colaboración para poder facer esta actividade e agarda que sirva para que o alumnado sexa quen de valorar e divulgar o patrimonio xeolóxico.