Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfredo Llano salienta que a manifestación deste mércores foi unha das máis grandes da historia de Burela e un exemplo de comportamento e solidariedade

Burela, 18 de novembro de 2021. O alcalde, Alfredo Llano, destaca que a manifestación celebrada onte, mércores, foi unha das máis grandes da historia de Burela e un exemplo de comportamento e solidariedade.
“Foi un exemplo clarísimo de comportamento, de dedicación, de respecto e de solidariedade. Houbo unha comprensión absoluta, total e unánime do que representaba facer a folga onte na nosa comarca. Houbo peches masivos e penso que todo o mundo respondeu, dentro das súas posibilidades, a este chamamento”, comentou hoxe, xoves, o rexedor municipal de Burela, quen destaca que “a manifestación foi unha das máis grandes da historia en Burela, onde se fixeron moitas e moi grandes, derivadas de diferentes problemáticas, pero onte foi realmente impresionante ver toda a Avenida de Arcadio Pardiñas, desde o cruce que vai ao hospital ata o Concello, ocupado por xente e cunha densidade extraordinaria dado que íamos moi cerca uns doutros”.

Alfredo Llano salientou que “isto reflicte unha cuestión moi importante: a preocupación que temos todos os que vivimos na Mariña, dunha forma solidaria e compartida, porque realmente valorámonos moitísimo máis do que nos valoran a nosoutros fóra pois realmente temos capacidade. Esta é unha comarca cunha poboación de 85.000 habitantes e posibilidades de todo tipo: industriais, comerciais, de turismo, de sanidade, … No seu conxunto é unha comarca que debemos defender, promover e poñela a andar o antes posible. O que non podemos é consentir que pouco a pouco nos vaian sacando servizos básicos, como foi unha perda que é tremendamente problemática: a da área sanitaria propia da Mariña, o que trouxo consigo unha serie de consecuencias que se están notando agora e cara ao futuro aínda van ser peores. Ademais hai moito tempo que estamos agardando unhas boas infraestruturas, tanto a nivel autonómico como estatal. É certo que non avanzan nin sequera empuxando e co aire a favor. E sen infraestruturas non podemos asentar outras cousas, como industrias. Por tanto é moi necesario poñerse a facer xa as infraestruturas que están pendentes”.

En canto á industria, o alcalde de Burela considera que “o que pasou en Vestas é un desprezo absoluto aos traballadores, ás súas familias e a todos os que vivimos na Mariña. Igual que o que está ocorrendo en Alcoa, con esa despreocupación, falta de atención e desprezo por parte da empresa, dicindo que se van cando lles dea a gana e aí vos quedades. Iso non pode ser”.

Polo tanto o rexedor de Burela saca a seguinte conclusión despois da mobilización de onte: “todo o mundo comparte esa preocupación e séntese parte do problema e parte da solución. E desde logo demandamos e pedimos que nos deixen desenvolvernos como nos corresponde, dada a capacidade extraordinaria que temos en todos os aspectos: económico, social, cultural, turístico, … Porque esta comarca é unha das máis importantes da provincia de Lugo e de Galicia. Iso é o que reclamamos e onte foi unha lección clara cun pensamento compartido e común porque todos queremos o mesmo”.

Exit mobile version