Unha poboación de lobo estancada dende hai 30 anos e “controlada” polo furtivismo
En Galiza, os último censos oficiais sobre o lobo (2016) falan de entre 90 grupos (Xunta) e 84 (Ministerio), incluindo mandas compartidas con outros terrritorios. Estes datos aproxímanse moito aos dos censos anteriores: no de 2003, o máis completo que se fixera ata o momento, citábanse 68 grupos, mais só para Galiza e sen contabilizar os grupos compartidos con Portugal e as outras comunidades (arredor de 17).
Os datos dos censos non ofrecen evidencias claras de que a poboación teña aumentado. Porén, amosan unha tendencia á estabilidade no tamaño da poboación con respecto ás tres últimas décadas.
Se dende os anos 80 a poboación de lobo non medra apesar de que anualmente entre 200 e 300 individuos netos incorpóranse á poboación, o número de exemplares que estarían a morrer sería equivalente a esta cifra. Portanto, e descontando xa as causas naturais, entre 200 e 300 lobos estarían a morrer todos os anos en grande medida por mor da persecución ilegal. Así pois, é o furtivismo o que está a “regular” a poboación de lobo en Galiza, con métodos espúreos (dende batidas de xabaril e raposo, xornadas de caza hábiles), ata barbaridades tais cepos, lazos e velenos.
Velaí tamén a importancia de incluir ao lobo como no catálogo de especies en réxime de protección especial: combater legalmente ao furtivismo, que ao incidir sobre unha especie protexida, constitúe agora un delito penal e non unha simples falta administrativa.
Os eólicos, un grave factor de distorsión que debe terse en conta na Estratexia
A proposta de Estratexia de conservación do lobo obvia incluír como factor de ameaza para as poboacións de lobo as infraestruturas eólicas, apesar de que no documento preliminar de bases e na Estratexia aprobada en 2005 considerábase oportuno introducir o lobo como especie focal nos estudos de avaliación de impacto ambiental dos parques eólicos, a efectos de reducir, mitigar, ou eliminar posibles ameazas sobre a especie e a súa poboación.
O propio Plano de xestión do lobo, aprobado polo goberno bipartito en 2008, xa establecía, no seu punto 18.5 que nas avaliacións de impacto ambiental de proxectos de implantación eólica fomentarase a inclusión de datos sólidos sobre a presenza de lobos nas áreas de influencia e a realización dunha avaliación e seguimento das afeccións da instalación eólica sobre a poboación de lobos; estrutura social, zonas de cría, uso do espazo, etc. Ademais, realizarase un estudo de cuestións como a estrutura social das mandas, produtividade, mortalidade, uso do espazo e selección de zonas de cría en zonas con e sen parques eólicos, entre outras, que permitirán avaliar o impacto dos parques eólicos nos lobos.
Tendo en conta o “boom” que está experimentando a enerxía eólica, cunha importante demanda de novos parques que afectan a territorios na súa maioría coincidentes con zona de presenza de lobo, resulta imprescindíbel recuperar esta iniciativa na Estratexia estatal.
Algunhas propostas actuación para a desactivación de posibles conflitos
Entre as propostas que ADEGA traslada ao Ministerio para a súa inclusión na Estrarexia, figura como unha das medidas preventivas a recuperación da figura do pastor, en especial nas explotacións que conteñen un número importante de cabezas de gando en extensións amplas. Nreste senso, a UE recomenda nun informe que partir de 50 unidades recoméndase a vixilancia con pastor para a gandería extensiva e amplas zonas. A ausencia de pastoreo durante o día, a pesar de que poidan estarse a empregar algunhas medidas preventivas (peches, cans de lobo), e dada a falta de presas salvaxes para o lobo, pode ser fonte dunha maior recorrencia de ataques.
ADEGA propón tamén medidas para mellorar os recursos tróficos da especie, como a recuperación de cérvidos e outros ungulados silvestres, presas naturais do lobo. Diversos estudos sinalan que a adopción de medidas de prevención e o aumento da abundancia de presas salvaxes poderían reducir a depredación do gando por parte dos lobos e, á súa vez, ofrecer mellores oportunidades para a convivencia entre humanos, lobos e gando.
Debería considerarse tamén como unha medida estratéxica nos territorios lobeiros de Galiza, o papel desenvolvido polo cabalo galego ou garrano de monte. Trátase dun tipo moi particular de gandería, na que os beneficios ecosistémicos que redundan no monte superan calquera enfoque destinado ao mercado produtivo, aínda que ambos usos poden ser perfectamente compatíbeis.
Impulsar a súa recuperación e preservar as greas de cabalo galego, garranos, ou bestas, cun arraigo secular nalgunhas zonas resulta chave, economicamente viable, e gozaría de grande aceptación entre a poboación local que mantivo durante séculos esta actividade.