Site icon Crónica3.com A Mariña

“Actitude infantiloide, que non de gardería”, polo Grupo Municipal Popular de Ribadeo

Moi afectado parece estar o sr. Suárez pola visita da Conselleira Fabiola García. De repente, entroulle o interese pola Escola Infantil. Por certo, non se chama gardería. Chámase Escola Infantil! Non sabe como se chama para canto máis o que necesita…

¿Recorda a última vez que vostede entrou alí? ¿Algunha vez vostede se interesou por se necesitaban algo? Como ben di vostede: a Casa do Concello atópase a uns escasos cincuenta metros. Para vostede e o seu goberno moito máis doado é chegar, que é costa abaixo.

As noticias que nos fan chegar é que nunca se interesou… non fora ser que si necesitan algo e vostede como Excmo. Alcalde se vira na obriga de ter que dirixirse á Xunta de Galicia para pedirlle o necesario para os nenos e nenas do seu pobo. Coñecéndoo… SERÍA MOITO REBAIXARSE!! Non fixo falta, sr. Suárez. Este Grupo Municipal xa se preocupa e se interesa pola Escola Infantil e por outras moitas cousas.

Ben sabemos que vostede é o alcalde de Ribadeo, e como tal, debe andar moi liado, posto que xa o vemos por aí nas fotos que tanto lle gustan, anunciando “grandísimas inversións” como obradoiros de xabón e de cerveza ou repartindo botes de desinfectante entre os donos dos cans, que para a foto e para entretener está moi ben, pero non para que o alcalde de Ribadeo presuma de xestión… e MOITO MENOS COBRANDO A “PÍRRICA” CANTIDADE DE PRETO DE 50.000€ ANUAIS!!! Non esqueza que é o alcalde que máis cobra da provincia, despois da alcaldesa de Lugo.

Por outro lado, cremos que debe vostede documentarse con iso da deslealdade institucional… “No pidas para otros lo que para ti no quieres”.

O certo é que non entendemos moi ben se quere ou non quere inversión da Xunta. Recorde que fai uns días varias asociacións de veciños tiveron que devolver unhas subvencións para o arranxo das súas escolas porque vostede non lles concedeu licencia, só porque a subvención viña da Xunta e porque foi ingresado nas contas destas entidades e vostede non podía poñerse no único que lle interesa ata chegar á obsesión: a FOTO. Porque quixeramos saber se esas subvencións en vez de ser ingresadas nas contas destas entidades, fosen ingresadas nas do Concello, ¿cal sería a súa resposta? ¿Tamén as devolvería? ¿Ou aproveitaría para invertir igualmente e vender vostede a xestión?

Sr. Suárez, a única xestión que vostede trae para Ribadeo é o insulto e a descalificación. Esas “obriñas” ás que vostede se refire, son necesidades que moitos veciños e veciñas reclaman. ¿A que “obriñas” se refire vostede? ¿Á inversión de 1 millón de euros no colexio Gregorio Sanz? Recordámoslle que foi moi reclamada polo profesorado do centro, pola ANPA e polos pais e nais do alumnado. ¿Ten algo en contra? ¿Ou quizás se refire aos 800.000 euros da carretera Reme-Villamar? Igual prefería seguir agarrado á pancarta “De Reme a Villamar non se pasa sen pinchar”. Seguramente lle sacaría vostede máis rédito político. ¿Ou pode ser aos 143.000 euros da Estación de Autobuses? Ao mellor lle gustaría máis que voaran as chapas do tellado para botarlle a culpa á Xunta. Seguramente van ser os 183.000 euros da Capela da Ponte. Total… para o interese que ten vostede no Camiño e xa non digamos na Ponte a onde vai o día das Cruces se hai festa e foto; senón xa non toca a campana!

No caso da Escola Infantil, a inversión é de 65.000 euros, unha “obriña” moi demandada polas máis de oitenta familias e polo persoal do centro que nos pedía actuar para mellorar as aulas, o equipamento da cociña, os baños, o vestiario dos traballadores…. e outra cousa moi importante: a saída de emerxencia. Vostede nos anos que leva de alcalde, nunca se preocupou. Preocúpase agora desde que xa nos preocupamos nós. De novo, a rebufo deste Grupo Municipal…

Fíxese que noutras épocas, o Concello era quen realizaba o mantemento no parque infantil da escola…. Mire a envergadura da súa deixadez que ata iso deixou de facer… O equipamento e o mantemento dese parque faino a Xunta de Galicia.

Non o tome como algo persoal. Sabemos que lle vai escocer, pero xa lle anunciamos que seguirán as inversións na Escola Infantil, que nós si estamos orgullosos dela. ¿Dáse conta das “obriñas” que este Grupo Municipal xestiona dende a oposición? Unhas de máis inversión e outras de menos, pero moitas veces, a importancia non lle está na cantidade, que tamén; senón na resposta ás necesidades…

Non sabemos se se enterou, pero estamos en Ano Santo Xacobeo. O botafumeiro está en Santiago e, mal que lle pese a vostede e a algún máis, este Grupo Municipal seguirá saíndo con bastante frecuencia porque lle preocupa Ribadeo e as necesidades dos seus veciños.

Non confunda botafumeiro con incensario… xa sabemos que vostede non é moito de misa… que cando vai, faino forzado e porque é convidado en representación de todos os veciños e veciñas que o elixiron democraticamente. Pero claro, chega tan tarde que perde o balanceo do incensario e ultimamente marease algo co fume…

Recomendámoslle tranquilidade porque, como sempre lle dicimos, seguiremos traballando e preocupándonos por cada un dos veciños e veciñas de Ribadeo. Mal que lle pese, este Grupo Municipal, ven para quedarse.

Grupo Municipal Popular de Ribadeo

Exit mobile version