Site icon Crónica3.com A Mariña

Acisa Ribadeo amosa o seu apoio e respalda a convocatoria da folga xeral comarcal deste mércores Por un futuro para A Mariña

Ribadeo, 15 de novembro de 2021. A patronal ribadense respalda a folga xeral comarcal e a manifestación prevista o mércores, 17 de novembro, aínda que destacan que cada establecemento individualmente será quen decida se secundala ou non.

O presidente do colectivo empresarial, Francisco Iriarte, dixo que “esta comarca leva anos abandonada polas principais administracións e a actual situación que estamos a vivir é boa mostra diso. A Mariña necesita dun proxecto de renovación, que pase pola reindustralizacion, pola mellora das comunicacións, a mellora dos servizos públicos… que xere postos de traballo e fixe poboación. Non podemos depender exclusivamente do turismo, debemos abrir mais o abanico de actividades económicas. Isto non se fai dun día para outro, por iso as administracións deben poñerse a traballar de inmediato, sobre todo as que teñen competencias na materia que nos ocupa”.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, indicou que “A Mariña está a pasar por momentos duros e polo tanto é preciso que todos esteamos unidos cando a pouca industria da comarca está a ser desmantelada e o futuro de moitas familias en xogo. Dende Acisa non podemos nin queremos estar alleos a esta situación. Alguén pode pensar que isto nos queda lonxe, pero non é así. O noso comercio, a nosa hostalaría e os nosos servizos viven durante o ano dos veciños e das veciñas de Ribadeo e tamén dos da nosa comarca. O turismo é moi importante, pero iso dura uns meses e o resto do ano é moi longo e duro. Ademais nesta ocasión non solo se reivindica un futuro industrial e económico, se non que se reivindican servizos e infraestruturas dignas, que non so terían impacto na vida da nosa veciñanza, senon que terían un impacto positivo tamén na economía da comarca, infraestruturas coma a tren, as estradas, o hospital… ”.

Iriarte sinalou que “por iso dende Acisa, como colectivo empresarial, apoiamos as reivindicacións que dende os sindicatos levan a convocar esta folga xeral comarcal e polo tanto tamén apoiamos a súa convocatoria. Precisamos que nos escoiten e para iso temos que facernos oír.”

Pérez puntualizou que “isto non quere dicir que todos os negocios secunden a folga, o que quer dicir é que Acisa, como colectivo, apoia a convocatoria e as súas reivindicacións, pero cada negocio ten liberdade absoluta para decidir se a secunda ou non. Debemos ter en conta que moitas empresas (comercios, locais hostaleiros, sector servizos…) tamén o están a pasar moi mal e que un dia de peche pode supoñerlles un esforzo que non se poden permitir, especialmente en Ribadeo un mércores, día no que temos mercado semanal. Aínda así, dende Acisa fixemos unha consulta sobre a folga e temos que dicir que sos moitos asociados e asociadas os que responderon. Unha inmensa maioría respalda as reivindicacións, aínda que pola súa actividade igual non poden pechar e algo mais do 75% dos establecementos consultados pecharán o mércores pola maña para apoiar esta convocatoria”.

Iriarte Quintana engadiu: “cada negocio debe tomar as súas decisións, e non debemos xulgalas, xa que detrás dunha decisión sempre hai moitos motivos”
Pérez Prada concluíu: “dende Acisa Ribadeo faremos chegar unha imaxe para que cada negocio poida imprimir e colgala nas súas redes ou nos seus escaparates en apoio a esta convocatoria”.

Exit mobile version