Lugo, 17 de novembro de 2021. O conselleiro do Medio Rural, José González, participou esta mañá en Lugo nunha reunión con gandeiros da asociación Agromuralla para explicarlles o funcionamento e as utilidades que ofrece a aplicación informática Conta Láctea e urxiulle -unha vez máis- ao Goberno central a actuar para asegurar que o prezo que reciben os gandeiros polo seu produto cubre o prezo de produción e deixa unha marxe de beneficio, como a calquera empresario. Na xuntanza tamén estiveron o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; e o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade.
Así, o titular de Medio Rural sinalou que a través desta ferramenta, creada pola Xunta en colaboración coa Fundación Juana de Vega, os usuarios poden controlar os investimentos e os custos de produción, co fin de concretar canto custa producir un litro de leite e a que prezo se pode vender.
Neste senso, o conselleiro lembroulles aos asistentes que a Xunta non pode defender a fixación de prezos mínimos para os produtos agrícolas ou gandeiros, porque isto non está permitido pola normativa de competencia española, ao consideralos unha restrición ao libre mercado. Por iso, dixo José González, creouse esta ferramenta web -ao abeiro da Estratexia de dinamización do sector lácteo galego- para axudar ao sector gandeiro na negociación do seu contrato coa industria.
Ademais, José González insistiu en que dita aplicación se teña en conta no texto final da Lei de mellora do funcionamento da cadea alimentaria, como forma de acreditación do custo efectivo de produción. Unha demanda, dixo o conselleiro, que xa foi remitida ao Goberno central en reiteradas ocasións e que, xa que esta norma se votará hoxe mesmo no Senado, “pido un último esforzo ao ministro, que sexa valente e que defenda os intereses dos nosos gandeiros”, puntualizou o conselleiro.
Nesta liña, o titular de Medio Rural anunciou que a semana pasada solicitou unha reunión bilateral co ministro, Luis Planas, para acordar medidas inmediatas que reforcen o sector primario en xeral e o lácteo en particular. Así, sinalou que a subida de diferentes partidas que están a repercutir de forma moi negativa no incremento de custos de produción para toda a actividade económica e, de maneira particular, para o sector primario, prexudicando aos gandeiros, polo que é preciso actuar de forma inmediata, matizou o conselleiro.
Precisamente, xa en febreiro do ano pasado, o Goberno galego solicitáralle ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que actuase de acordo ás súas competencias para que a cadea de valor construíra o prezo do produto do sector primario a partir do custo de produción dos agricultores e gandeiros, evitando así a venda a perdas. Tamén lle pedira que fixera unha revisión da normativa para construír un marco lexislativo que conseguira o obxectivo de que calquera produtor agrícola ou gandeiro español obtivese un prezo polos seus produtos que cubrira os custos de produción máis a marxe de beneficio que se determine. Agora, insistiu o conselleiro, esta demanda é urxente e necesaria para asegurar a viabilidade das explotacións agrarias do noso país e, subliñou, que o futuro do sector pasa por evitar a venda a perdas, tal e como recolle o artigo 12 ter da Lei da cadea alimentaria.
Por último, o titular de Medio Rural insistiu na defensa e apoio por parte da Xunta aos produtores galegos, porque desta forma impúlsase todo o sector primario. Nesta liña, lembrou que a Administración galega está a facer os seus deberes coa implantación das medidas contidas na Estratexia do sector lácteo e, a través dela, xa iniciou a tramitación do Observatorio lácteo -co fin de acadar unha mellor estrutura sectorial- e da marca Leite de pastoreo de Galicia, un selo que vén reforzar Galega 100% da que se está a facer unha promoción inxente.
Pero nesa defensa de intereses, o conselleiro tamén destacou a aposta da Xunta pola profesionalización do propio sector -materializada na celebración de ata cinco edicións dos cursos de Gandeiros 20-30- a posta en marcha do Plan de pastos e da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que permitirán dotar de base territorial ás explotacións galegas coa implantación de polígonos agrarios, no caso do lácteo para a produción de forraxes.