Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta solicita a Vestas que amplíe o período de consultas do ere, como mínimo, ata finais de ano e informa na mesa industrial sobre os avances na busca de posibles compradores

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participana mesa industrial de Vestas.

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2021. A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, solicitou hoxe a Vestas, na 4ª mesa industrial que se celebrou en Santiago, que amplíe o período de consultas do ERE ata finais de ano, como mínimo. En palabras de Lorenzana, os traballadores necesitan tempo para decidir sobre o despido colectivo, xa que, tal e como apuntou, a data de hoxe non coñecen a viabilidade da compañía. “Para decidir en condicións de boa fe nas negociacións que están levando a cabo con respecto ao ERE teñen que coñecer o futuro da empresa”, indicou.

A titular de Emprego e Igualdade, deste xeito, considerou “absolutamente imprescindible” que se amplíe o período de negociacións para que o comité de empresa tome unha decisión “sen presión”. “Se a empresa ten intención de colaborar na fase de transición, co proceso de venda, tería que retrasar ata fin de ano o período de consultas”, insistiu.

A conselleira, así mesmo, informou na xuntanza sobre os avances dados pola Xunta na busca de posibles compradores para a fábrica de Viveiro. Ao respecto, anunciou que unha nova empresa vén de mostrar interese pola compra da factoría, polo que serían nove as firmas viables desde o punto de vista do obxecto social.

Sobre este punto, lamentou que o Estado non estea a buscar posibles compradores. Na propia xuntanza, os representantes do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo manifestaron que están esperando a que sexa a Xunta ou a propia empresa os que localicen ás posibles compañías interesadas na adquisición. “É decepcionante que o Estado non estea buscando activamente un comprador para a empresa”, subliñou a conselleira. Ademais dos representantes da Xunta, a cuarta mesa industrial, convocada pola Administración autonómica e celebrada hoxe, tamén acudiron representantes do Ministerio de Industria Comercio e Turismo, directivos de Vestas e representantes do comité de empresa e dos sindicatos.

Exit mobile version