Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2021. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a executar obras de mellora da seguridade viaria na estrada autonómica LU-133 no treito coincidente co Camiño Norte, ao seu paso polo municipio de Ribadeo, co fin de favorecer o tránsito seguro dos peregrinos.
As obras estanse a levar a cabo no tramo do Camiño Norte que cruza e transcorre paralelo á LU-133, no punto quilométrico 13+630, onde se está a retirar a bionda para a posterior colocación dunha pasarela de madeira de 2 metros de ancho.
Trátase dunha actuación deseñada para reforzar a seguridade dos usuarios máis vulnerables das estradas, como son os peregrinos. A intervención inclúe, ademais, a mellora da sinalización, coa disposición de novos sinais reflectores e con indicacións relativas ao Camiño de Santiago.
A vindeira semana tamén está previsto iniciar os traballos na estrada autonómica LU-132, no concello de Trabada. Os labores centraranse, tamén, na retirada da bionda en sentido crecente para a colocación dunha pasarela de madeira de 2 metros de ancho.
Estas obras están incluídas nas 70 actuacións que o departamento que dirixe Ethel Vázquez está a executar este ano nas vías autonómicas para reforzar a seguridade nas confluencias cos Camiños de Santiago, que suporán un investimento conxunto de 1,4 millóns de euros.
Actuacións en 16 municipios da provincia de Lugo
Concretamente, na provincia de Lugo inclúense actuacións en 16 municipios dos Camiños Francés, de Inverno, Norte e Primitivo. En concreto, neste Camiño Norte fíxanse actuación nestas estradas LU-133 e LU-132 ao seu paso polos concellos de Ribadeo, Trabada e Lourenzá.
No Camiño Francés execútanse traballos nas vías LU-633, LU-637 e LU-613 ao seu paso por Pedrafita, Triacastela, Samos, Sarria e Portomarín, onde se realizarán en total 13 actuacións.
No Camiño Primitivo fixáronse 14 actuacións para incrementar a seguridade na confluencia coas estradas LU-701, LU-740, LU-530, LU-232 e LU-231 na Fonsagrada, Baleira, Castroverde, Lugo e Palas de Rei.
Tamén se recollen melloras no Camiño de Inverno, con actuacións nun total de seis puntos das estradas LU-933, LU-652 e LU-213 en Quiroga, A Pobra do Brollón e Chantada.
O Goberno galego traballa para favorecer a mobilidade, a comodidade e a experiencia dos peregrinos para atender a maior afluencia que se espera no ano 2022, cando o Xacobeo se prevé máis intenso.