Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2021. A Consellería de Emprego e Igualdade lamenta a imposibilidade de celebrar a xuntanza prevista para esta tarde en Santiago de Compostela entre a Xunta de Galicia e o Goberno central cos traballadores de Vestas, que tiña por obxecto coordinar as actuacións das administracións públicas e abordar os avances para acadar a continuidade da factoría en Viveiro, debido á ausencia de interlocutores políticos por parte do Ministerio de Industria.
O Goberno central comunicou á Xunta, a menos dunha hora da reunión, que non asisitría á mesma ningún director xeral nin outro alto cargo do Ministerio, e que se conectaría por videoconferencia un funcionario e un traballador eventual do ministerio, evidentemente sen capacidade decisoria de ningunha clase para a adopción de acordos. Á reunión tamén estaba convocado o Ministerio de Transición Ecolóxica, que nin sequera contestou.
A Xunta de Galicia considera esta actitude unha falta de compromiso inadmisible coa plantilla de traballadores no delicado momento que está a vivir a fábrica, e amosa a súa decepción co papel que está xogando o Ministerio de Industria pola súa pasividade para localizar compradores e a súa falta de implicación na búsqueda dunha solución.
A Consellería de Emprego e Igualdade convocará unha nova reunión da mesa industrial o vindeiro venres , día 5, coa esperanza de que á mesma asistan representantes do mais alto nivel do Goberno do Estado.