Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2021. O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, acompañado da directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, mantivo unha reunión esta tarde coa Asociación de Empresas de Gran Consumo de Enerxía (AEGE), que permitiu constatar que a crise enerxética está derivando nunha situación industrial insostible. Neste sentido, ambas as dúas partes consideraron necesario que o Goberno actúe con medidas contundentes para rebaixar a factura das electrointensivas.
Segundo datos da propia asociación, as empresas do sector van ter que abonar 1500 millóns de euros máis este ano pola electricidade que as súas competidoras europeas –España paga 65 euros máis caro o MWh que Francia–. Así, tal e como apuntou Conde, ponse de manifesto que a situación empeorou desde que o Executivo central aprobou o Estatuto para os Consumidores Electrointensivos, que non dá resposta aos verdadeiros problemas desta industria da que dependen 5000 empregos en Galicia.
O vicepresidente económico fixo referencia á grave situación que están a vivir varias empresas galegas, chegando incluso nalgúns casos a paralizar a súa actividade ou reducir a súa produción, como é o caso de Megasa. Neste sentido, o alto prezo da luz tamén está a ser un obstáculo na busca dunha saída industrial para Alu Ibérica na Coruña e Alcoa San Cibrao.
Desde a Xunta insístese na necesidade de adoptar solucións que dean certezas e estabilidade ao conxunto da industria electrointensiva, polo que é preciso adoptar novas medidas adicionais ás incluídas no Estatuto co fin de garantir un prezo eléctrico competitivo e estable que dea viabilidade ás empresas.