Con esta resolución, o departamento autonómico autoriza os cambios propostos polo Goberno municipal tras analizar o expediente remitido á Xunta o pasado 20 de outubro e concluír que o interese público da actuación que se pretende executar está xustificado pola necesidade de ampliación do referido equipamento.
Grazas á modificación urbanística aprobada, o actual Museo do Mar, un ben incluído no patrimonio cultural e o museo público dedicado a esta materia máis antigo de Galicia, poderá incorporar terreo para desfrute da cidadanía e achegar unha función social e identitaria como centro de exhibición e difusión do patrimonio mariñeiro da Comunidade.
Para posibilitalo, farase unha recualificación da parcela contigua ás actuais instalacións e que está ocupada por unha vivenda illada. Isto permitirá o uso dotacional de todo o ámbito, que suma unha superficie de 2.568 metros cadrados dos cales tan só 1.101 metros se corresponden coa parcela onde se sitúa nestes momentos o Museo.
En todo caso, cómpre precisar que a orde de aprobación definitiva está suxeita a unha serie de observacións relativas aos informes condicionados dalgúns dos organismos sectoriais consultados durante o procedemento, polo que deberán terse en conta no documento que se remita á Xunta para a súa inscrición no Rexistro de planeamento urbanístico de Galicia.
Deste xeito, a Consellería dá por concluído o seu papel na tramitación da modificación puntual das NSP de Cervo, pendente tan só agora de inscribila no referido rexistro e da súa posterior publicación no Boletín Oficial da Provincia por parte do Concello.