Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta activa o plan de vialidade invernal na provincia de Lugo con 87 profesionais, 1.740 toneladas de fundentes e 6 centros operativos para garantir a seguridade viaria

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2021. A Xunta activa o Plan de Vialidade Invernal na provincia de Lugo, cun dispositivo de 87 profesionais, preto de 1.740 toneladas de fundentes e 6 centros operativos que garantirán a seguridade viaria.

O operativo, xa en servizo desde o 1 de novembro, mobiliza un centro operativo na zona norte, en Xermade, que ten subcentros en Mondoñedo e no Cádavo; e outro na zona sur, no Incio, con subcentros en Monforte e en Lugo.

O plan tamén inclúe na provincia de Lugo un dispositivo de 58 máquinas, entre elas, camións, pick-up, retros, cuñas, follas, esparexedores de sal ou estendedores de salmoira.

Estes recursos permitirán a atención e o mantemento dos preto de 1.500 km de estradas autonómicas na provincia para acadar condicións de seguridade viaria, especialmente nas épocas con episodios de climatoloxía adversa.

O Goberno galego vén desenvolvendo todos os anos, entre o 1 de novembro de 30 de abril, o Plan de Vialidade Invernal mediante un amplo despregue de medios materiais e humanos para facilitar a mobilidade en máis de 5.500 km de estradas da súa titularidade.

No conxunto de Galicia son, en total, 26 os centros operativos e 387 os profesionais que velarán pola seguridade das estradas autonómicas. Ademais, mobilízanse preto de 5.300 toneladas de fundentes.

O obxectivo desta iniciativa é mellorar as condicións de circulación na rede de estradas da comunidade, que se poden ver dificultadas no inverno pola presenza de fortes choivas, a formación de placas de xeo ou a aparición de neve.

Este plan recolle medidas preventivas, para anticiparse aos contratempos que se poidan producir, e medidas paliativas, para reforzar a seguridade viaria en situacións meteorolóxicas desfavorables.

O Goberno galego destina cada ano un investimento duns 50 millóns de euros para levar a cabo tarefas de conservación nas vías, entre as que destacan estas accións de vialidade invernal.

No seguinte plano amósase a situación dos medios dispoñibles no citado dispositivo na provincia de Lugo.

Exit mobile version