Lugo, 22 de novembro de 2021. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo renova a súa colaboración co Correlingua, unha iniciativa de promoción do uso do galego entre a infancia e a mocidade impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación Socio-pedagóxica Galega e CIG-Ensino.
As carreiras a prol do idioma, que se viñan facendo desde o ano 2000, tornaron nestes dous últimos anos, a causa da pandemia, nunha programación lúdica e educativa dirixida a centros escolares de toda Galiza que comezou a finais de outubro e que nestas semanas chega ás comarcas de Lugo, con diferentes propostas.
Festa concerto en Foz
A actividade central desta 21 edición do Correlingua na provincia celébrase mañá martes en Foz, coas actuacións musicais de Cozorellos Salvaxes e Monoulious DOP no pavillón municipal Torques de Marzán ás 12.00 horas.
Máis de 300 alumnas e alumnos de infantil, primaria e 1º e 2º de ESO de seis centros educativos da comarca da Mariña – o CPR Martínez Otero, o CEIP O Cantel e CEIP de Foz nº 1, de Foz; o CEIP Pedro Caselles e o IES Illa de Sarón, de Xove; e IES Monte Castelo, de Burela- acudirán ao concerto, no que se manterá a fórmula de aulas burbullas para ofrecer todas as garantías sanitarias ao alumnado.
Obradoiros e actividades de pequeno formato
Baixo o lema xenérico “Inmunízate coa lingua”, o Correlingua ofrece aos centros educativos a posibilidade de concertar obradoiros creativos e actividades de pequeno formato orientadas a promover o uso do galego dentro e fóra das aulas.
Así, o CEIP Albeiros de Lugo acolleu esta mañá un obradoiro de banda deseñada dirixido por Miguel Fernández mentras, no IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, tamén en Lugo, Ana Carreira coordinou un obradoiro de escritura creativa.
As actividades continuarán nos vindeiros días, con esta axenda:
24 de novembro: actuación de Pakolas, no CPI Dr López Suárez de Friol.
29 de novembro: sesión de contacontos con Ana Carreira no CEIP Ricardo Gasset do Incio.
29 de novembro: actuación de Monoulious no IES Anxel Fole de Lugo.
30 de novembro: sesión de contacontos con Ana Carreira no CEE Santa María de Lugo.
9 de decembro: actuación de Dúo Vaguedades no IES A Pinguela de Monforte.
A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, sinalou a necesidade “de iniciativas que busquen a participación activa da infancia e da mocidade no uso e na defensa do galego” fronte “á perda de falantes de galego ao longo das etapas educativas que reflicte o último estudo da RAG sobre esta cuestión”.
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo achega 21.000 euros á organización das actividades do Correlingua.