Site icon Crónica3.com A Mariña

A Secretaría Xeral para o Deporte ofrece actividades de piragüismo a medio millar de escolares da provincia

Lugo, 2 de novembro de 2021. A Secretaría Xeral para o Deporte ofrece a medio millar de escolares de Lugo a posibilidade de achegarse ao piragüismo a bordo de dúas embarcacións dragóns no marco do programa de deporte escolar Xogade. A iniciativa, que se oferta este curso por primeira vez na provincia, foi inaugurada hoxe por alumnos e alumnas dos colexios Insua Bermúdez de Vilalba e Nosa Señora do Pilar de Foz.

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que a actividade está dirixida ao alumnado de sexto de Primaria e primeiro e segundo da ESO, e participarán unha ducia de centros educativos en oito xornadas, ata o 11 de novembro. En principio están previstas ata 25 quendas, con 20 prazas en cada caso.

Esta proposta supón o primeiro achegamento ao piragüismo para a maioría dos nenos e nenas, que se converten nos padexeiros destes barcos dragóns coa axuda de dous monitores, un deles ao timón e outro marcando o ritmo cun tambor. As embarcacións son moi estables e de fácil aprendizaxe e as prácticas realízanse nun tramo do río Miño.

Mañá mércores tocaralles o turno aos alumnos do IES de Quiroga, e nos días posteriores está prevista a participación do CEIP Rosalía de Castro de Lugo, Colexio Plurilingüe Franciscanos, de Lugo; CPR Martínez Otero, de Foz, CPR Maristas, de Lugo; CEIP Santa Rita, de Viveiro; CEIP Fondo Nois, de Foz; CPR La Merced, de Sarria; CEIP López Suárez, do Saviñao; e CPR Ferroviario, de Monforte de Lemos.

Arias subliñou a importancia de “amosar aos rapaces e rapazas distintas disciplinas deportivas para que adquiran o hábito do exercicio físico e rutinas saudables dende idades temperás”. Ao respecto, indicou que o programa Xogade “involucra a milleiros de escolares” en modalidades como o fútbol sala, atletismo, campo a través, orientación, voleibol ou xadrez, entre outras.

Exit mobile version