Site icon Crónica3.com A Mariña

A Real Academia Galega de Belas Artes celebra este martes a conferencia “Mondoñedo, cidade do Barroco” que impartirá o doutor en Historia da Arte da USC Javier Gómez Darriba

A Coruña, 8 de novembro, 2021. A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) celebra este martes, 9 de novembro, a segunda conferencia do ciclo “Cidades Patrimoniais Galegas do Barroco”, enmarcado na actividade “Martes das Artes” da Academia. O ciclo, a cargo do profesor de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Miguel Taín Guzmán, e o arquitecto e vicepresidente da RAGBA, Celestino García Braña, trata a presencia do barroco nas cidades de Santiago de Compostela, Mondoñedo e A Coruña.

A charla de mañá, “Mondoñedo, cidade do Barroco”, estará impartida por Javier Gómez Darriba, doutor en Historia da Arte pola USC. Segundo explica, a cidade de Mondoñedo conta cun pasado romano como demostran os diversos achados arqueolóxicos das últimas décadas. Apunta que a súa existencia persistiu no alto Medievo como vila, denominada primeiramente Vallibria e ata a Baixa Idade Media como Vilamaior ou Vilamaior de Mondoñedo. No século XII, destaca que se viu favorecida por unha fundación rexia levada a cabo por Alfonso VII que outorgaba unha serie de privilexios, e así mesmo pola instalación da sede episcopal, trasladada desde San Martiño de Mondoñedo (Foz).

Gómez Darriba destaca que ao longo do século XVI, Mondoñedo experimentou un paulatino desenvolvemento urbano grazas fundamentalmente ao poder do Concello e a algún eminente bispo, pero non sería ata os inicios do XVIII cando esta capital provincial do Reino de Galicia comezou a renovar a súa imaxe de centro de poder clerical grazas ao patrocinio de diversos bispos, do Cabildo e do Concello. As reformas foron executadas por numerosos arquitectos, aparelladores e enxeñeiros chegados desde dispares puntos da xeografía galega e española.

“Na conferencia abordarase a esencia urbana deste enclave rodeado de montañas próximo ao litoral cantábrico, analizarase a forma da cidade herdada do rueiro medieval, a desaparición de boa parte da muralla, o rol celebrativo da Praza, as reformas da fachada e cruceiro catedralicios, a construción de tres conventos pertencentes á Orde de San Francisco, así como de múltiples ermidas, cárceres, hospitais, seminarios, infraestruturas públicas e edificios residenciais da fidalguía que, en conxunto, fan de Mondoñedo unha cidade cun sinal dezaoitesco aínda vixente” –indica Darriba–.

Javier Gómez Darriba é doutor en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela(2020). Foi bolseiro da Xunta de Galicia e profesor na devandita universidade (2016-2019), así como investigador do grupo HAAYDU do Departamento de Historia da Arte da USC (2016-2020). Posúe un Máster en Patrimonio Artístico Andaluz e a súa Proxección Iberoamericana pola Universidade de Sevilla (2015). Conta cunha vintena de publicacións en revistas científicas e libros académicos onde aborda as súas principais liñas de investigación, que son a arte en Galicia en Época Moderna (arquitectura, urbanismo, escultura e pratería), así como a pintura sevillana de entre os séculos XVI- XIX.

Programa do ciclo

A primeira conferencia, titulada “Santiago de Compostela, cidade do barroco”, celebrouse o martes 2 de novembro e foi impartida por Miguel Taín Guzmán. Por último, o martes 23 de novembro o ciclo concluirá coa conferencia “A Coruña, cidade do Barroco”, charla que será impartida pola tamén doutora en Historia da Arte pola USC Paula Pita Galán.

Todos os actos do ciclo terán lugar ás 20:00 horas no Salón de Actos da Real Academia Galega de Belas Artes (Praza Pintor Álvarez de Sotomayor, 1. A Coruña) sen límite de capacidade, aínda que será necesario reservar praza no teléfono 981 211 602 ou no email info@academiagalegabelasartes.gal.

Exit mobile version