Cervo, 12 de novembro de 2021. O Concello de Cervo vén de localizar a orixe da gran cantidade de biofiltros que apareceron, na mañá de onte, nas praias de Cubelas e A Caosa.
A piscifactoría situada no polígono industrial de Cuiña, púxose en contacto co goberno municipal na mañá de hoxe para manifestar que os biofiltros procedían da súa explotación, e que se farán cargo das responsabilidades derivadas desta emisión.
Desde o equipo de goberno valoran positivamente que xa podamos coñecer a procedencia destes biofiltros, e que a propia empresa corra coas obrigas que poidan xurdir.
Apunta a concelleira de Medio Ambiente, Mali Méndez, que “seguiremos vixiantes ante a aparición de máis biofiltros ou calquera outro material que poida proceder desta emisión” e engadiu tamén que “estaremos en contacto permanente coa empresa responsable, que se fará cargo de todos os custos que o Concello teña que asumir derivados desta situación”.