A camiñata polo paisaxe cultural de Portocelo, en Xove, será guiada polo arqueólogo David Fernández este vindeiro sábado. A Mariña en Ruta rematará o 4 de decembro Camiñando entre volcáns, por terras do Vicedo. Este último roteiro, que será guiado por Fran Canosa, conta xa tamén coas prazas esgotadas e lista de agarda.
O pasado sábado, 20 de novembro, os participantes en A Mariña en Ruta, programa que promove a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, puideron descubrir da man da guía oficial de Galicia Noela Feal o Viveiro Industrial e as súas lendas. Foi un percorrido que os levou a coñecer o pasado industrial ligado ao ferro desta vila da Mariña Lucense, dende as titularidades para a extracción na época de Sargadelos ata a relación con outros puntos do territorio como é A Pontenova e a súa Mina Consuelo.
Desde a Mancomunidade de Concellos da Mariña indicaron “nas 2 horas e media que durou a actividade tamén houbo tempo para camiñar e adentrarse nun recuncho tan espectacular como é a Cova da Doncela. Alí os asistentes coñeceron a súa orixe e puideron divisar a beleza de lugares como Monte Faro, A Roncadoira ou Punta Socastro, popularmente coñecida como Fuciño do Porco. Este percorrido pretendeu deixar un impacto positivo non só na experiencia outonal dos participantes, senón no propio lugar xa que ao tempo que descubriron máis sobre a chamada Punta Queimada, foron recollendo o lixo que florece neste antigo vertedoiro, o que lles axudou a comprender e interpretar mellor o lugar”.
E engadiron: “nesta ocasión, como acción de promoción impulsada dentro do proxecto, estiveron presentes tamén os viaxeiros e ideólogos de Boavista.co, que a través do seu perfil en Instagram e blog comparten coas mais de 18 mil persoas que conforman a súa comunidade contido sobre rutas, plans, aventuras e sustentabilidade en Galicia. Nesta ocasión compartiron con eles a través do seu perfil de Instagram algúns dos lugares e contidos do percorrido e do día que pasaron por Viveiro e Xove”.
Balance das III Xornadas de Portas Abertas das Rutas de Artesanía
A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense fai tamén balance das III Xornadas de Portas Abertas das Rutas de Artesanía: “no seu conxunto un 50% dos participantes procederon da propia provincia de Lugo, un 25% da Coruña, un 10% de Madrid e outro 15% de Asturias. Na primeira fin de semana das xornadas, que coincidiu coa Ponte de Todos os Santos, recibíronse máis solicitudes de persoas de fóra da comunidade e na segunda fin de semana, unhas datas normais, atopamos asistentes das 2 provincias do norte de Galicia, que apostaron por facer varias das rutas, quedándose nalgúns casos a pernoitar e comer na Mariña por este motivo”.
Entre as suxestións aportadas por parte dos participantes “das que a Mancomunidade conta tomar boa nota, a xente concorda en que o programa é idóneo tal e como está e que incluso se podería valorar a posibilidade de ampliar as xornadas a día completo con mais visitas, comida e aloxamento. Os enquisados concordan no acerto de que os propios artesáns sexan os protagonistas da iniciativa e no importantísimo patrimonio cultural que conforman, na importancia das súas transmisións e falan en xeral das enormes posibilidades do proxecto, para o que, din, habería que darlle aínda unha maior promoción”.
Desde a Mancomunidade de Concellos da Mariña explicaron que “o venres pasado, 19 de novembro, mantíñase unha reunión de traballo cos artesáns participantes no proxecto coa finalidade de trasladar a información recadaba, os avances nesta anualidade e poder escoitar tamén as súas suxestións e necesidades ao tempo que se realizou unha píldora formativa sobre os ODS aplicados aos obradoiros artesáns da Mariña”.
Ambos proxectos están organizados pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense baixo o convenio asinado coa Axencia de Turismo de Galicia e co apoio da Deputación de Lugo para a súa promoción.