Site icon Crónica3.com A Mariña

“A Mariña berrou, toca actuar con valentía”, por José Manuel Balseiro

Este mércores, centos de persoas ateigaron as rúas de Burela en resposta á convocatoria de folga xeral. Superabamos as diferenzas políticas, sindicais, locais, para unirnos movidos por un sentimento común de inconformismo e de indignación. Unha comarca unida na protesta e nas rúas, porque nin queremos, nin nos resignamos a permanecer pasivos ante o desmantelamento da nosa industria, co consecuente risco para miles de empregos, coa consecuente incerteza sobre o futuro de moitas familias, vilas e pobos. Non permaneceremos calados cando se cuestiona a prosperidade das nosas veciñas e veciños.

A Mariña lucense berrou con contundencia. Agora toca que toda a sociedade -os políticos primeiro- actuemos en consecuencia con responsabilidade e valentía. Ser responsables significa ser conscientes do moito que hai en xogo. Admitir, sen complexos, o equivocados que estaban aqueles que negaban o impacto industrial e laboral dunha política enerxética errada e improvisada, que comezou cuestionando a continuidade da industria electrointensiva e que remata por criminalizar a enerxía eólica como opción de futuro.
Ser valentes significa ser exixentes. Para reclamar a implicación inmediata e directa de todas as administracións. Non é aceptable a pasividade, a falta de propostas ou botar balóns fóra. Reclamamos solucións efectivas a aqueles que teñen na súa man cambiar esta política enerxética como fundamento para que non se produza o peche das principais industrias da Mariña.

Ser valentes significa cumprir o prometido. Todas as forzas políticas acordamos por unanimidade no Parlamento de Galicia, no Congreso, no Senado e nos distintos concellos a favor da intervención pública temporal de Alcoa, por parte da Sepi e a favor dunha batería de iniciativas de apoio á industria altamente dependente do prezo da electricidade . Se somos capaces de poñernos de acordo nas solucións, temos a obriga que cumprilas, sen escusas, sen titubeos, sen matices.

Xa nos enganaron unha vez aquelas que firmaron o pacto de investidura de Pedro Sánchez –lembrade a foto de Ana Pontón e Adriana Lastra- prometendo solucións inmediatas que nunca chegaron. Agora hai que dar un paso máis. É hora de que o nacionalismo galego deixe a ambigüidade e estea ao carón dos traballadores. Para ser cribles o BNG ten que condicionar a continuidade dos seus pactos co PSOE, en concellos e deputación, a unha solución para Alcoa. Condicionar o apoio aos orzamentos xerais do Estado a que, como administración competente, cumpra cun estatuto electrointensivo capaz de rebaixar a factura da luz á industria. O único e verdadeiro plan industrial que precisamos é impedir o peche de Alcoa ou de Vestas.

Hai camiño para intensificar a presión política e obrigar a que A Moncloa non dea por perdida a industria da Mariña. Xa non agardo valentía por parte dos alcaldes do PSOE, que se limitan a facerse a foto pero non a petar na porta do Ministerio. Pero é máis imprescindible que nunca que, por riba das diferencias políticas, haxa unha unidade militante, proactiva, a favor da industria, do emprego e do futuro da nosa comarca. A Mariña berrou, agora toca actuar en consecuencia, con valentía.

Jose Manuel Balseiro
Deputado autonómico, voceiro e coordinador xeral do PPdeLugo

Exit mobile version