Site icon Crónica3.com A Mariña

“A economía frustrada do localismo”, por Inés López Couto

Define a Real Academia Galega o termo “localismo” como “preferencia por un lugar ou comarca determinados” e o gran dicionario da lingua española de Larousse coma o “excesivo apego e preferencia por unha localidade, xeralmente aquela na que se naceu”.

A globalización que hoxe impera fuxe dos localismos. O capitalismo exacerbado que domina a economía mundial so busca o maior beneficio, sen ter en conta o lugar da produción, os medios existentes nel ou as necesidades do país ou dos seus habitantes.

Tanto un extremo, o do localismo testán, coma o outro, o do capitalismo abusador, son interpretacións erróneas e producen sangrantes consecuencias. Véxamos o caso das nosas comarcas (lembremos que administrativamente A Mariña son tres: Oriental, Central e Occidental, aínda que nos sintamos unha mesma) e a noticia da posible implantación dunha nova industria.

Actualmente A Mariña está inmersa nunha enorme crise industrial, que se arrastra desde fai anos, co peche de industrias coma a ECAR, Muebles Hermida, Costiña, etcétera e coa ameaza desde hai case 10 anos do peche de Alcoa, e o recentemente anunciado de Vestas. O novo anuncio de que a portuguesa Altri está valorando implantar unha nova industria na nosa comarca (referireime a ela coma un todo) é un motivo de alegría. A sociedade Impulsa Galicia, conformada por varias empresas e a administración galega, apoia está industria e aportará fondos para a súa creación. Isto é unha marabillosa noticia para todos.

Tendo en conta as necesidades urxentes de manter a industrialización da zona, ninguén debe sentirse ameazado. Sumar industria non é un ataque a ningunha das existentes, non son competidores senón que sumarán sinerxias para unha maior competitividade da zona e para asentar poboación e medrar. Todos os sectores se beneficiarán disto. Ademais debemos analizar o inmellorable emprazamento que é a comarca para este sector, de forma sinxela produtor punteiro da materia prima, cunha loxística implantada para o seu traslado, con infraestruturas portuarias magníficas para a súa exportación e con empresas na propia comunidade que poderían mercar a materia transformada. Ao redor dela poderán medrar novas empresas necesarias para a produción e mantemento da fábrica de creación de fibras téxtiles. Exactamente o que necesitaba a zona, transformar o que levamos décadas producindo e que esa transformación redunde na Mariña. O único localismo que se podía aplicar é que non fora ningunha ou ningún mariñán o que decidira antes facer esta aposta, que polo demais só se debe celebrar. Pensar que a proximidade das necesidades da produción ademais de incorrer en menores custos redundan en beneficios para os nosos produtores, empresas madeiristas, etc. A Mariña debe puxar por este proxecto porque é o mellor punto, obxectivamente, para levalo a cabo.

Hai uns días uns compañeiros economistas afondaron nesta idea en Viveiro, a idea de que a Mariña unida debe loitar por un proxecto, agora mesmo máis necesario ca nunca. Idea que os economistas da Mariña apoiamos e cremos imprescindible para a consecución do fin, que é que a zona continúe crecendo e sendo un lugar espléndido para vivir e traballar. Esperamos ser unha soa voz e que non se utilice esta posible novo investimento como arma arreboladiza dentro da mesma comarca.

Inés López Couto (Economista e Tenente Alcalde de Foz)

Exit mobile version