Site icon Crónica3.com A Mariña

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, destaca en Viveiro a necesidade de ter en conta o labor sustentable da frota pesqueira galega para avanzar na competitividade do sector

Viveiro, 12 de novembro de 2021. A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, asistiu hoxe en Viveiro á clausura do VII Congreso de Pesca Artesanal do Cantábrico-Noroeste no que se analizaron distintos asuntos de actualidade do sector, como o labor sustentable e respectuoso que realiza a frota galega no uso dos recursos, a súa formación e o seu carácter innovador.

Neste sentido, a Xunta considera que hai que insistir neste eido co obxectivo de que os aspectos socioecónomicos da actividade pesqueira se teñan en conta ao mesmo nivel que os medioambientais na toma de decisións que afectan ao sector coa finalidade de avanzar na súa competitividade. Ademais, entende que este comportamento eficiente do sector reflicte que o sistema de control vixente na frota artesanal e do marisqueo é rigoroso e suficiente e que non precisa medidas adicionais como a xeolocalización ou a instalación de cámaras a bordo que propón Bruselas. Neste ámbito, Galicia defende a exención da baixura e do marisqueo desta obriga e que a instalación de cámaras a bordo sexa voluntaria.

Outro dos asuntos abordados no encontro foi o futuro Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e Acuicultura (Fempa, sobre o que a comunidade demanda, entre outros aspectos, axudas que se axusten á actividade real da frota, que vela por manter o equilibrio entre a capacidade pesqueira e as posibilidades de pesca dispoñibles.

O congreso
O congreso da pesca costeira artesanal deste ano é a sétima reunión interfederativa das confrarías do Cantábrico-Noroeste organizada pola Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo, que recuperou estas xuntanzas para analizar e reflexionar sobre aspectos que son comúns en todo o caladoiro co obxectivo de unir esforzos nos temas claves para o futuro do sector pesqueiro.

Como en anos anteriores, nela participaron representantes das Federacións de Confrarías de Galicia, Asturias, País Vasco e Cantabria. Algúns dos temas que se trataron nesta sétima edición foron aspectos relativos á pesqueira de túnidos, á regulación das organizacións de produtores pesqueiros e ao futuro Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e Acuicultura.

Exit mobile version