Lugo, 3 de novembro de 2021. A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este mércores na inauguración do 22º Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar 2021. A Deputación de Lugo conta un ano máis cun expositor para a promoción dos recursos enogastronómicos e turísticos da provincia de Lugo, achegándose a un público maior e dando a coñecer o patrimonio dos 67 concellos da provincia.
Xantar é unha feira gastronómica organizada por Expourense, que terá lugar dende hoxe e ata o vindeiro domingo na capital ourensá, para promover a calidade da gastronomía e o turismo sustentable e saudable na comunidade galega. Reunirá a empresas de restauración, produtores e entidades públicas e privadas nacionais e internacionais.
García Porto anima a todos as persoas que visiten a feira a “achegarse ao stand da provincia de Lugo e descubrir todas as alternativas que ofrece o noso territorio, onde se pode escoller entre multitude de alternativas como o turismo cultural, gastronómico, de costa ou de natureza”.
O sábado adicarase o día á provincia de Lugo e a Deputación de Lugo levará a cabo unha demostración culinaria en directo a cargo da Asociación de Cociñeiros de Lugo na Aula Grupo Cuevas ás 14.00 horas. “Prepararán unha demostración culinaria en directo dun menú feito con produtos propios da provincia, un Taco carbonara celta, aguacate e po de xamón,”, destacou García Porto.
A presenza nesta cita enmárcase na participación da Deputación en diferentes eventos nacionais para a promoción dos recursos turísticos da provincia como Fitur, a Feira Internacional de Enoturismo, Turexpo ou, do domingo ao martes 9 de outubro, Fairway.