A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, valorou esta primeira edición e destacou o interese mostrado polas entidades lucenses. Así mesmo, destacou que “a xente que participou valorou moi ben a organización, os itinerarios e o desenvolvemento das viaxes, polo que dende logo estamos satisfeitos e convencidos de repetir o vindeiro ano”.
García Porto sinalou que “como xa lles viña dicindo a todas as agrupacións que coñecín durante estes case dous meses, espero poder ver a moitas máis na seguinte convocatoria e que outras novas se animen a participar e descubrir a nosa provincia, porque temos moito que ensinar”.
“Sempre haberá cousas que mellorar, pero creo que este modelo funciona e cumpre cos obxectivos cos que o organizamos: facer comunidade, favorecer que os nosos veciños coñezan a súa propia provincia, o seu entorno máis próximo e, con iso, dinamizar a actividade do turismo, da hostalería e do comercio”, destacou García Porto.
Os beneficiarios destes itinerarios percorreron o patrimonio natural, histórico, cultural e gastronómico da provincia de Lugo, ademais de visitar instalacións da institución provincial, como o Pazo de San Marcos, o Mazo de Santa Comba ou a Granxa Gayoso Castro, entre outras. A Asociación de Xogos tradicionais de Muimenta (Xotramu) foi a última entidade en participar nesta primeira edición cunha visita que comezou nas instalacións da Produtora de Audiovisuais da Deputación para despois coñecer o concello do Saviñao.
As viaxes incluíron o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas foron realizadas por profesionais que contan coa habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e polo persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.
As viaxes tiveron lugar sempre cumprindo coas medidas de prevención da Covid-19 decretadas polas autoridades sanitarias en cada momento.