Site icon Crónica3.com A Mariña

No Novembro Cultural de Lourenzá presentaranse catro libros

Lourenzá, 3 de novembro de 2021. A asociación Patrimonio Laurentino, en colaboración co Concello de Lourenzá, organiza as xornadas Novembro Cultural, que consisten na presentación de 4 libros durante este mes. A primeira delas será este sábado, día 6, ás 19:00 horas no Pazo de Tovar, onde a maxistrada da Sala do Social do TSXG Isabel Olmos Pares presentará a súa obra No duerme nadie.

As xornadas foron presentadas hoxe na Casa do Concello de Lourenzá pola alcaldesa, Rocío López, e tres directivos da asociación Patrimonio Laurentino: Fina González, Vidal Martínez-Sierra e Xosé Lois Rivera.

A tesoureira da asociación Patrimonio Laurentino, Fina González, explicou que estas xornadas culturais “vanse desenvolver todos os sábados de novembro, desde o día 6 ata o 27, e comezan este sábado 6 ás 19:00 horas no Pazo de Tovar coa presentación do libro No duerme nadie, da autora Isabel Olmos Pares, que é maxistrada do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, da Sala do Social en Coruña. É un relato de novela negra que supón unha reflexión literaria sobre o tema da manada, contada desde o punto de vista dun dos membros da manada. A seguinte presentación será o sábado 13, tamén ás 19:00 horas no Pazo de Tovar, con Marica Campo e o libro Os 25 anos da obra Confusión e morte de María Balteira, que é unha obra de relatos de alto nivel literario e supón unha incursión no mundo das nosas lendas, dos contos, da revelación do feminismo, que merece moito a pena. O seguinte sábado, o día 20, cambiamos de escenario e será ás 17:30 horas na igrexa de Vilanova de Lourenzá a presentación do libro do cura de Lourenzá, Xosé Antón Miguelez Díaz, titulado Oda a Xesucristo, credo e camiño. E, para rematar, o sábado 27 ás 19:00 horas no Pazo de Tovar teremos a presentación de dúas obras de Antonio Reigosa Carreiras: Cen historias máxicas pola Mariña encantada e Contrahistoria de Galicia”.

Exit mobile version