Mondoñedo, 11 de outubro de 2021. A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e o alcalde de Mondoñedo, Manuel Ángel Otero, copresidiron hoxe a Xunta Local de Seguridade, que se reuniu na Casa do Concello para analizar o dispositivo de seguridade previsto con motivo da celebración das festas das San Lucas, que este ano coinciden co avance na desescalada das restricións impostas polas autoridades sanitarias da Xunta. Na reunión tamén participaron os representantes da Asociación As San Lucas e responsables da Garda Civil, o Subsector de Tráfico, a Policía Autonómica e a Policía Local.
A subdelegada do Goberno ofreceu a máxima colaboración das forzas de seguridade do Estado para axudar ao éxito das San Lucas, que se celebrarán a vindeira fin de semana.
Isabel Rodríguez animou aos mindonienses e aos visitantes que gocen destas festas sen desatender as normativas sanitarias, como as relativas ao uso de máscaras e aforos. Así mesmo pediulles que atendan todas as indicacións que lles dean tanto os organizadores como o Concello e as forzas de seguridade.