Viveiro, 6 de outubro, 2021. Na xuntanza mantida entre empresa e traballadores este mércores nun hotel de Viveiro, Vestas amosouse firme e non retirará o ERE baixo ningún concepto.
Os traballadores insistiron na necesidade de paralizalo para garantir a negociación en tempo dunha saída e lograr o correcto funcionamento da mesa industrial que, agora si, é unha realidade, mais Vestas escapa desa mesa e propón negociación paralela sen parar en ningún caso o reloxo.
Esta proposta foi rexeitada polo comité porque entende que é na mesa industrial onde se poden facer realidade as posibles saídas a este conflicto porque se dispón dos mecanismos necesarios.
Rematouse a reunión sen acordo de ningún tipo e entendendo que, por riba de todo, Vestas pretende executar o ERE, non atende a razóns e non acredita na propia mesa industrial. Por parte dos traballadores, seguirán “loitando para protexer os nosos traballos así como o emprego na Mariña, do mesmo xeito tentaremos forzar a Vestas a participar activamente na mesa industrial da Xunta”.