Site icon Crónica3.com A Mariña

Veciñanza afectada pola liña eléctrica do Parque Eólico Ventisca presenta alegacións no Concello de Mondoñedo

Mondoñedo, 6 de outubro, 2021. Unha vintena de veciños e veciñas acudiron esta mañá á Casa do Concello de Mondoñedo a presentar alegacións en contra dos parques eólicos Ventisca, Boura e Monzón, proxectados por Greenalia -a empresa de Beatriz Mato, ex-conselleira de Medio Ambiente da Xunta de Galicia- cuxa liña de evacuación atravesaría todo o concello desde Argomoso a Oirán con torres de máis de 40 metros de altura.

Denuncian ademais a inacción e silencio cómplice do Concello, que non fixo a debida difusión da mesma -mesmo fai semanas trasmitía erróneamente á veciñanza que o prazo para alegar estaba cumprido- a pesar de contar cun PXOM de recente aprobación no que se fala da saturación eólica e mesmo se prevé que calquera nova liña eléctrica debe ser soterrada.

Nas alegacións presentadas indícase que estes proxectos son innecesarios pro ser Galicia excedentaria xa en electricidade, e que deben en todo caso desenvolverse outros preto de zonas deficitarias, evitando os impactos acumulativos e as perdas no trasporte. A maiores, consideran que estes proxectos xunto co do parque Borrasca -en Foz, Mondoñedo e Lourenzá- son en realidade un só, fraccionado ilegalmente para facer máis doada a súa aprobación.

Pola outra banda, estes parques con aeroxeradores de 180 metros de altura, máis do dobre da Catedral de Santiago, non poden tramitarse co marco legal deseñado fai 25 anos para turbinas de 25 ou 50 metros máximo. Cómpre frear esta invasión e actualizar o Plan Sectorial Eólico, obsoleto, para avaliar para que, canta, onde, en que condicións queremos producir a enerxía que precisamos.

Os tempos do expolio por grandes empresas que se enriquecen coa destrución do noso rural deben rematar. Durante a concentración as presentes tomaron nota de teléfonos e correos electrónicos para promover unha asociación de afectadas, e poñerse en contacto coas que están agromar na comarca e fóra dela co obxecto de coordinar esforzos contra estas iniciativas.

Exit mobile version