Site icon Crónica3.com A Mariña

Unha ampla representación do PP participou en Viveiro na marcha polo futuro de A Mariña

Viveiro, 17 de outubro de 2021. A presidenta provincial do Partido Popular de Lugo, Elena Candia, xunto con alcaldes e portavoces populares, así como representantes do mesmo nas distintas institucións participaron esta mañá na marcha que se desenvolveu en Viveiro para reclamar futuro para a comarca de A Mariña e en defensa das súas industrias e infraestruturas. A presidenta provincial do PP, e tamén deputada autonómica, sinalou con rotundidade que o Goberno, presidido polo socialista Pedro Sánchez, ten que deixar de boicotear esta comarca e cumprir os compromisos adquiridos. É preciso -asegurou- un cambio na política enerxética do Goberno central, para poñer freo o desmantelamento industrial da comarca.

Nesta liña, Candia sostivo que é determinante que a SEPI tome partido para o mantemento da industria en A Mariña, para a continuidade de Alcoa. Igualmente reiterou o apoio dos populares aos traballadores. Lembrou o compromiso do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, quen esta mesma semana, no debate do Estado de Autonomía, anunciou que defende unha intervención temporal da planta mariñá por parte do Goberno central, así como unha solución que impida o peche de Vestas.

Os populares poñen énfase no feito comprobado de que non é o mesmo que gobernen uns ou outros. Cre que é algo que se pode ver con claridade en A Mariña, unha comarca á que o PSOE parece estar empeñado en afogar, coa complicidade necesaria do Bloque. Candia considera que unha mostra do que di son os Orzamentos Xerais do Estado no que se refire a esta comarca, nos que –dixo- queda claro que para o Goberno A Mariña non existe.

Nesta liña, no PP critican o que consideran tomadura de pelo do Goberno á A Mariña no que se refire a autovía A-74, que é fundamental non só para a comarca senón para o conxunto da provincia, aínda máis nun momento en que vive unha situación crítica e necesita elementos impulsores. Lembran o compromiso explícito adquirido no seu día polo ministro Íñigo de la Serna e lamentan que o actual Goberno se esqueza de esta infraestrutura.

A presidenta do PP da provincia de Lugo tamén censurou que o Goberno desatenda a petición feita polo PP para efectuar un estudio de viabilidade para unha conexión por ferrocarril de A Mariña coa capital. Cuestionou tamén a suficiencia da consignación para a mellora da seguridade en FEVE, onde se producen incidencias a diario.

Candia instou novamente aos alcaldes socialistas a esixir do Goberno central que cumpra os compromisos adquiridos e que actúe en defensa da industria da Mariña e para a promoción das súas infraestruturas.

Grupo Provincial
Pola súa parte, o portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, manifestou: “O grupo provincial do PP está, unha vez máis, cos veciños, para seguir apoiando as demandas dos sindicatos e de todos os veciños da Mariña para evitar o desmantelamento industrial da comarca”. Un desmantelamento, provocado polo alto prezo da enerxía. Castiñeira sinalou: “Levamos moitos anos detrás dunha pancarta que pon “enerxía solución”; isto afecta a Alcoa e tamén a moitas outras empresas, pequenas e medianas da nosa comarca, e tamén a todos os domicilios” Declarou: “Pedimos un cambio absoluto da estratexia enerxética e da política do Goberno do Estado, cambios nos orzamentos do Estado, que van contra A Mariña”. Dixo que a A-74 está paralizada dende que os socialistas gobernan en Madrid, co apoio do BNG.

Castiñeira concluíu: “A Mariña non conta para o Goberno central; esperemos que, aínda que ata agora non o fixeron, escoite a voz dos mariñáns e esta manifestación sirva para algo”.

Exit mobile version