Site icon Crónica3.com A Mariña

UGT-FICA-Galicia saúda a confirmación do TS da sentenza do TSXG que declara a nulidade do ERE de Alcoa

Santiago, 28 de outubro 2021. UGT-FICA-Galicia saúda e valora moi positivamente o anuncio que ven de facer a Sala do Social do Tribunal Supremo (TS) que confirma a sentenza do TSXG, do 17 de decembro de 2020, que declaraba a nulidade do ERE de Alcoa Inespal na súa planta de San Cibrao, por entender que a empresa tiña incurrido en mala fe negocial no período de consultas. O TS desestima así o recurso de casación interposto polo Grupo Alcoa Inespal.

Naquel momento, a raíz da sentenza de decembro de 2020, Alcoa viuse obrigada a reincorporar ós traballadores afectados e aboarlles os salarios deixados de percibir polo despedimento. Como ben apuntaba a sentenza do TSXG, o único fin que guiaba a Alcoa era apagar as cubas, pechar a fábrica da maneira máis rendible posible. Unha vez máis, ten que ser a Xustiza a que teña que poñer freo ó xeito de actuar, baixo a mala fe, de certas multinacionais.

Unha vitoria dos traballadores e traballadoras pola súa loita e constancia

UGT-FICA-Galicia insiste en que, ante esta sentenza, que reitera o sentir do TSXG, e que supón unha vitoria para os traballadores e traballadoras de Alcoa pola súa loita e constancia neste longo conflito, non queda outra saída que, entre todas as partes seguir traballando polo futuro para a factoría da Mariña e o mantemento dos postos de traballo.

Ás administracións, UGT pídelles coordinación e un traballo conxunto para garantir que Alcoa continúe a producir na Mariña porque o Sindicato insiste en que está claro que Alcoa ten futuro e entre todos os actores implicados hai que traballar por este futuro.

As administracións, tanto a central como a Xunta, non se poden esquecer do importante activo que representa a factoría de San Cibrao, que achega o 30% do PIB de toda a provincia de Lugo, polo que a loita polo seu futuro é obrigada.

Exit mobile version