En primeiro lugar, Tomé Roca valorou os traballos executados na LU-P-0610, onde se investiron recentemente 120.777€ na renovación do treito comprendido entre os puntos quilométricos 1,400 e 3,241. Unhas obras que incluíron as tarefas de limpeza de cunetas, drenaxe, aglomerado en quente e sinalización horizontal. Estas melloras súmanse ás executadas á continuación deste treito, entre os puntos 3,400 e 5,400, onde a Deputación de Lugo investiu 91.300€.
Polo tanto, lembrou o Presidente, o investimento total da administración provincial nesta estrada alcanza os 212.000€, entre as dúas actuacións. Unha aposta da Deputación por esta vía que ten unha gran relevancia social e que soporta moito tráfico, sobre todo no verán, ao dar servizo ás praias, á restauración e ás vivendas que se atopan ao carón da costa.
Nesta visita a Barreiros tamén participaron os Deputados de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, así como membros da Corporación municipal e veciñanza.
Estrada da Ínsua
José Tomé comprobou así mesmo a mellora do firme da estrada que realizou a Deputación na vía que une o núcleo de San Cosme de Barreiros coa Ínsua e que supuxeron un investimento de 35.350€.
Os labores executados nesta vía consistiron na reapertura de cunetas, o estendido de aglomerado en quente e as correspondentes sinalizacións. Actuouse no primeiro quilómetro da vía, dende o cruzamento coa N-634.
Trátase da antiga LU-P-0608 e é a vía que comunica o centro da vila co cuartel da Garda Civil, coa igrexa, co punto limpo e coa capela de Santo Estevo, entre outros puntos de interese, polo que dá servizo a numerosos veciños e veciñas e aos visitantes.
Deste xeito, incidiu Tomé Roca, a Deputación continúa a mellorar a rede viaria provincial, favorecendo deste xeito a seguridade, o equilibrio territorial e a calidade de vida dos veciños e veciñas da provincia de Lugo.